jueves, 17 de noviembre de 2022

 DÍA MUNDIAL DE LA FILOSOFÍA





Hoy, el tercer jueves del mes de noviembre, la Filosofía es la protagonista. Por ello, comparto a continuación material que hay en la web y que sirve de recurso para trabajarla en las aulas.

filosofia/https://www.educaciontrespuntocero.com/recursos/dia-mundial-filosofia/


martes, 26 de abril de 2022

COMPARACIONES GENERALES PARA LA ABAU

 COMPARACIÓNS XERAIS E/OU INFLUENCIA POSTERIOR

Nun comentario de texto completo espérase que ademais de contextualizar o texto e o autor do mesmo e analizar o seu contido e teoría, comparémolo con outros autores e/ou movementos filosóficos.

Aínda que as comparacións máis concretas e precisas deben intercalarse durante o comentario, segundo sexa pertinente, podemos preparar certas COMPARACIÓNS MÁIS XERAIS que nos sirvan para completar o comentario de texto e mesmo pechalo.

EXEMPLOS:

1)    Posto que o pensamento dos dous grandes clásicos (PLATÓN e ARISTÓTELES) será recollido polos medievais, poderiamos explicar o seguinte:

A filosofía clásica perdura durante séculos e constitúe a base da cultura occidental, entre outras cousas pola interpretación cristiá da filosofía grega que ten lugar na época Medieval da man de pensadores como San Agustín e Santo Tomás.

Principalmente, a filosofía grega que se reinterpreta baixo un prisma cristiá é a platónica, por ser a corrente de pensamento que mellor encaixaba co pensamento cristián. Isto é o que fai SAN AGUSTÍN DE HIPONA (s.V), un dos principais Pais latinos da Igrexa Católica, abríndose con el toda unha corrente platónico-agustiniana con filósofos como SAN ANSELMO (s.XI) e BUENAVENTURA (s.XIII). Nas teses de San Agustín, tanto nas ontolóxicas (primacía do mundo celestial sobre o terreal), como nas epistemolóxicas (primacía do coñecemento racional e da contemplación das Verdades Absolutas sobre o coñecemento sensorial) e nas antropolóxicas (visión do home como "un alma racional que se serve dun corpo mortal e terreo"), queda patente a influencia de Platón.

Pero no s.XIII (Baixa Idade Media) trúncase esta corrente e prodúcese unha transformación do pensamento cristián debido en gran parte á irrupción en Occidente da filosofía aristotélica a través de pensadores árabes e á síntese entre cristianismo e aristotelismo feita por SANTO TOMÁS DE AQUINO. Nas teses deste filósofo e teólogo dominico amósase a enorme influencia de Aristóteles. Así, por exemplo, seguindo a concepción aristotélica do coñecemento, parte das realidades sensibles (as criaturas, consideradas efectos) para intentar demostrar a existencia de Deus como a súa causa. Na primeira das vías, a máis xenuinamente aristotélica, parte do feito do movemento para alcanzar a existencia de Deus como motor inmóbil. Na súa antropoloxía, afirma que no ser humano dáse unha unión substancial: cada individuo humano é unha sustancia única composta por alma e corpo, sendo á súa vez a alma principio de vida, forma e acto do corpo. Por outro lado, a súa ética caracterízase por ser eudemonista (felicidade como fin último do home), teleolóxica (o ser humano, como ser racional, tende a buscar a Verdade e a convivir en sociedade) e intelectualista (a felicidade humana reside na contemplación da Verdade, que neste caso é Deus, e acádase mediante a Virtude, conduta adquirida ou hábito de natureza boa).

2)    Outro exemplo sería comentar como tanto a teoría dos clásicos (PLATÓN e ARISTÓTELES) como a de pensadores modernos como DESCARTES e KANT, será cuestionada por NIETZSCHE no século XIX. Para iso, poderiamos explicar o seguinte:

Esta teoría será criticada moi duramente na época contemporánea por NIETZSCHE, filósofo vitalista alemán do s. XIX que fai unha crítica total da cultura europea. Sostén que o principal erro da metafísica e da moral tradicionais é que son “antinaturais”, é dicir, se opoñen á vida.  Esta “antinaturalidade” débese ao medo e resentimento do home ante a realidade da vida e comeza especialmente co Platonismo. Sócrates fixo triunfar a razón contra a vida, pero foi Platón quen creou outro mundo fictício, desvalorizando o mundo real. Isto foi asumido polo Cristianismo, que invéntase un mundo celestial e fomenta valores mezquinos como a obediencia e o sacrificio. A idea dun “máis aló” e de Deus constitúen un obstáculo contra a vida e por iso hai que acabar con eles, liberando así ao ser humano dun gran peso que lle impide superarse e transformarse en “Superhome”. Para Nietzsche, a vida ten valor por si mesma, e non hai que buscarlle outra explicación nin impoñerlle ningunha norma nin imperativo, senón só gozar dela. Iso é o que fai o “Superhome”, que caracterízase entre outras cousas polas ánsias de vivir a vida tal e como é e por estar libre de todo prexuízo moral.

Por outro lado, Nietzsche ataca a “vontade de verdade” que impera na tradición e que procede de desestimar os sentidos e sobreestimar a razón. Afirma que os principais conceptos metafísicos son só ficcións que designan e etiquetan, pero non captan a realidade. Contra o dogmatismo metafísico clásico e moderno, Nietzsche afirma que a realidade é dinámica e cambiante, e ademais, as formas de comprensión humanas tamén están suxeitas ao devir a á diversidade de perspectivas, polo que é imposible realizar unha comprensión fixa e definitiva da realidade. É por isto polo que Nietzsche exalta o poder da imaxinación metafórica e creativa do ser humano para intentar explicar a realidade.

lunes, 18 de abril de 2022

FRIEDRICH WILHEIM NIETZSCHE

INTRODUCIÓN XERAL: A TRANSICIÓN AO S. XX. A REACCIÓN CONTRA O POSITIVISMO

           O positivismo -científico e filosófico- dominou en Europa na segunda metade do século XIX, pero ao final deste século, diversas correntes de pensamento reaccionan contra os excesos positivistas, marcando a transición ao século XX.

          A reacción comeza na propia ciencia, pois a Física, que considerabase o saber absoluto sobre toda a Natureza e aspiraba a ser unha Filosofía, explicando os misterios do ser humano, comeza a recoñecer os seus propios límites e xa non se presenta como único modelo de coñecemento. Dous eminentes físicos (Mach e Hertz), defenden que os conceptos científicos son “signos” (e non “copias”) da realidade, e as leis científicas, “instrumentos” de previsión dos fenómenos. Esta nova concepción crítica e antipositivista da ciencia é apoiada por Einstein coa teoría da relatividade: non hai sistemas de referencia absolutos, conceptos como volume, masa, aceleración... teñen só un carácter relativo. Outros científicos atacan o determinismo, dicindo que as leis físicas non son máis que leis “probables” e que a explicación científica ten carácter de “explicación condicional”.

          Ademais, no campo da Bioloxía xorde o vitalismo, unha explicación non mecanicista dos procesos vitais que inflúe moito na filosofía da época. Sostén que a vida non se explica só con procesos físico-químicos ou mecánicos, senón a partir de “forzas dominantes”. 

Este vitalismo, no campo da Filosofía, consiste na exaltación do vital e do afectivo, fronte  ao excesivo racionalismo propio do idealismo de Hegel, o positivismo científico de Comte ou o mecanicismo. É unha tendencia común á maioría dos autores desta época: Nietzsche, Schopenhauer, Bergson... e, no plano do historicismo ou raciovitalismo, Ortega e Gasset e Dilthey.  Todos eles destacan aspectos que foron desvalorizados polo positivismo: a vida, o espírito, a liberdade, os valores… considerando a vida a realidade radical. Trátase das “Filosofías da Vida”, que defenden o irracionalismo, pois consideran que a razón non é a única facultade humana para ver a realidade, tamén están a inspiración poética, a intuición, o instinto, a visión profética, o inconsciente             

Concretamente, Nietzsche representa o enfoque máis radical contra o racionalismo anterior e contra a ciencia mecanicista e positivista. Afirma que o Universo non está sometido a leis deterministas e tampouco redúcese a materia e movemento mecánico, senón que é un caos de forzas. Critica a ciencia positiva por ser unha matematización da realidade que non axuda a coñecer as cousas, senón só a establecer unha relación cuantitativa entre elas. A ciencia só coñece cantidade e número: nada sabe da paixón, da forza, do amor, do pracer, etc.


MARCO HISTÓRICO, SOCIOCULTURAL E FILOSÓFICO: A vida de Nietzsche abarca a segunda metade do século XIX, un período convulso no que culminan grandes procesos de transformación político-social, como o proceso de industrialización (1ª e 2ª revolución industrial), os conflitos sociais entre burguesía e proletariado, e o auxe dos nacionalismos. Enfróntanse tendencias contrapostas como o liberalismo, o tradicionalismo, o socialismo, o anarquismo… Trátase, en definitiva, dunha época na que comezan a derrubarse os ideais da Ilustración (racionalidade, fraternidade, progreso, igualdade, liberdade), e Nietzsche será un dos seus maiores críticos.           

Alemania vive un proceso que vai desde a súa unificación ata a conversión do país nun imperio de tendencias expansionistas, no que se enxalza o espírito alemán, co que Nietzsche maniféstase crítico (a súa defensa da individualidade creativa é incompatible con conceptos globalizantes como o de raza ou Reich). Paralelamente, introdúcese en Alemania a democracia, sistema que Nietzsche considera decadente porque permite decidir aos ignorantes, favorece o ascenso dos mediocres e impide o desenvolvemento de espíritus fortes e libres. De feito, Nietzsche critica ata o Estado, que é creado polos débiles para protexerse e vingarse dos fortes. En definitiva, o pensamento nietzscheano enmárcase no contexto dunha sociedade que o autor considera decadente.          

Culturalmente, o século XIX destaca polas súas innovacións en todos os ámbitos. A ciencia aporta descubrimentos fundamentais, como a teoría da evolución de Darwin, as leis da xenética de Mendel, o nacemento da Psicoloxía como ciencia (Wundt), a vacuna de Pasteur, etc. Tamén a técnica alcanza grandes fitos con inventos como o telégrafo, o automóbil ou a lámpada eléctrica (Edison). A este respecto, Nietzsche tamén dedicará parte da súa crítica aos científicos, aos que considera servos do poder.          

Por outra banda, en música destacan grandes figuras como Verdi ou Wagner, sendo este último compositor un referente para Nietzsche.

Filosóficamente, a segunda parte do século XIX está marcada pola aparición de múltiples correntes de pensamento opostas entre si. Destacan formulacións cientificistas como o positivismo de Comte e as correntes materialistas, que consideran á ciencia capaz de explicalo todo. Á vez, resurxen enfoques máis idealistas ou espirituais como, por exemplo, o neokantismo ou a neoescolástica. Pero os pensadores que derribarán os cimentos do pensamento occidental serán Nietzsche (coa súa crítica radical á cultura de Occidente), Freud (coa psicoanálise que cuestiona o concepto de suxeito), Marx (coa súa crítica á estrutura socioeconómica capitalista) e Darwin (coa  teoría evolucionista que cuestiona o esencialismo clásico e serve de base ao vitalismo bioloxicista).

 

INFLUENCIAS RECIBIDAS: No seu primeiro período, a chamada “filosofía da noite”, Nietzsche está fortemente influído pola filosofía presocrática, especialmente polo concepto de devir de Heráclito, a doutrina do eterno retorno de Anaximandro, o atomismo de Demócrito e polos grandes autores tráxicos (Eurípides, Sófocles e Esquilo).

Pero as dúas figuras que marcan profundamente o seu pensamento son Wagner, cuxa música e personalidade forte e libre encarnan os valores de Dionisio e a traxedia grega, e Schopenhauer, quen centra a súa filosofía no concepto de “vontade” e non no pensamento nin na verdade, como a maioría dos autores. Ademais, defende a relevancia dos instintos fronte á racionalidade, xa que a intelixencia é unha ferramenta manexada polos instintos, e o poder da arte, da música, para apaciguar a vontade. A súa vez, desconfia da Historia e da visión ilustrada de progreso.

Posteriormente, na “filosofía da mañá”, inspírase tamén en autores ilustrados como Montaigne ou Voltaire para criticar a metafísica, a relixión ou a arte.

Finalmente, aínda que claramente oposto ao idealismo, convén con Hegel en que toda a realidade está en devir dialéctico.     

 

REPERCUSIÓN POSTERIOR: O pensamento de Nietzsche inflúe notablemente en todos os ámbitos culturais. O nihilismo é clave no existencialismo de Heidegger e Sartre. A vida como punto de partida resulta esencial no historicismo de Dilthey, en vitalistas como Bergson e Ortega, no método fenomenolóxico en xeral, e na fenomenoloxía dos valores de Scheler, en particular. A súa crítica é considerada fundamental por outros grandes pensadores críticos do s. XX, como son os da Escola de Francfort, e o seu método xenealóxico, inflúe no terreo da filosofía da linguaxe.

 

VIDA E OBRA: Nietzsche nace en Rókken, cidade alemá, en 1844. O seu pai e os seus dous avós eran pastores protestantes. Trala morte do seu pai cando Nietzsche ten tan só cinco anos, a súa familia (nai, irmá, avóa e dúas tías) trasládase a Naumburgo. Recibe unha sólida formación humanista baseada no estudo dos clásicos e demostra unha gran sensibilidade para a música, chegando a tocar moi ben o piano. Estuda Teoloxía e Filoloxía clásica na Universidade de Bonn, donde le a Schopenhauer, quedando fascinado pola súa filosofía. Coñece a Wagner, ao que admira polo seu espírito libre, e co que mantén unha amizade profunda ata que Wagner escribe a súa ópera Parsifal (por non seguir as pautas nietzscheanas sobre a traxedia grega e os valores dionisíacos).

          É nomeado catedrático de Filoloxía clásica na universidade de Basilea (Suiza), pero nuns anos, abandona o seu cargo por problemas de saúde (fortes dores de cabeza e de ollos). Comeza unha vida errante e solitaria, con escasos recursos (vive da pensión da Universidade), buscando o mellor clima para a súa enfermidade. A muller que máis inflúe na súa vida é a súa irmá (Elisabeth), pero se namora da moza rusa Lou Andreas-Salomé, que rexeita a súa petición de matrimonio, pero que lle inspira un novo desexo de vivir.       

Aínda que a súa primeira obra importante escríbea en 1870: O nacemento da traxedia grega no espítitu da música, é entre 1878-88 cando desenvolve case toda a súa obra.  En 1889 ingresa nunha clínica psiquiátrica de Basilea, na que lle diagnostican reblandecemento cerebral e parálise progresiva. Logo de dez anos de vida prácticamente vexetativa, morre dunha apoplexía en 1900.

As súas obras presentan dificultades de comprensión e interpretación, debido ás expresións innovadoras empregadas e á linguaxe cargada de imaxes, símbolos, metáforas, aforismos, parábolas e máximas. O estilo é narrativo, non discursivo, polo que conta e non explica. Isto ten que ver coa súa filosofía.

 As obras nietzscheanas clasifícanse en tres períodos:

 

1. PERÍODO ROMÁNTICO, influido por Schopenhauer e Wagner:

- O nacemento da traxedia grega no espírito da música: Escrita en honor de Wagner. Realiza un estudo da aparición e evolución da traxedia grega, en cuxas obras armonízanse dúas forzas esenciais: Dionisio e Apolo. Nietzsche exalta a Dioniso (que representa a vontade de vivir, a música e a danza, a noite, os instintos, a irracionalidade) fronte a Apolo (que representa o logos, a palabra-razón, o mundo como representación, as artes plásticas e a luz). Nietzsche di que a traxedia grega pereceu desde o momento en que Eurípides quitou importancia ao coro; con el, desapareceu o elemento dionisíaco e empezou a época das formas. Iso mesmo fixeron Sócrates e Platón, que eliminaron a arte para optar por unha filosofía baseada no coñecemento teórico das causas, impoñendo o optimismo da ciencia, o diálogo platónico e o racional fronte ao tráxico-vital. Nietzsche afirma que grazas á filosofía alemá (Schopenhauer) e a música alemá (Wagner), volve triunfar o tráxico-dionisíaco. Malia o seu afastamento de Shopenhauer e a súa ruptura con Wagner, non abandonará nunca a súa aceptación de Dioniso. Zaratustra non será senón Dioniso transfigurado.   

- Sobre a verdade e mentira en sentido extramoral.

- Consideracións intempestivas

 

2. PERÍODO POSITIVISTA OU ILUSTRADO, no que se aparta das influencias anteriores e ataca á relixión, a metafísica e á arte, demostrando o seu carácter ilusorio (a través do método de «xenealoxías», é dicir, buscando a orixe psicolóxica dos conceptos). Exalta a Ilustración, polo seu interese polo humano, pero rexeita o seu culto ao progreso:

- Humano, demasiado humano.

- Aurora.

- A gaia ciencia (1882): Trata da liberación do home das súas escravitudes, desenmascarando os ideais de santo, artista, sabio, e negando o seu sentido trascendente. Fala por primeira vez do «eterno retorno» e da «morte de Deus».

 

3. PERÍODO CRÍTICO OU DE MADUREZ, período fundamental no que desenvolve as súas ideas máis orixinais («superhome») e a súa crítica máis dura («a filosofía do martillo»); ataca á filosofía e a moral tradicionais, destruíndo ao home tal e como é para que poida vir o superhome, que é o que coñece a morte de Deus, ten a vontade de poder e móvese constantemente no eterno retorno.  Pretende eliminar o dogmatismo dos valores e facer unha radical «transmutación de valores», situando os valores da vida no lugar dos contrarios a ela. Parte da concepción da vida como dor, loita e irracionalidade, que aprendera en Schopenhauer, pero rexeita a resignación:

- Máis aló do ben e do mal, crítica á filosofía, á relixión e á moral.

- A xenealoxía da moral, donde continúa cos temas iniciados en Aurora e realiza unha crítica dos valores tradicionais da moral occidental.

- O crepúsculo dos ídolos/deuses (1888), escrito demoledor no que critica todo o que se chamou «verdade» porque en realidade é un «ídolo» e vaise achegando ao seu final. Emprega a metáfora do “martillo”.

- O Anticristo, un ataque á relixión e, en especial, á moral cristiá.

- Ecce homo, o máis parecido a unha autobiografía.

- Así falou Zaratustra (1883-1885), obra básica, poética e profética, que pretende ser unha nova Biblia. Recorre sobre todo á metáfora e á fábula de ZARATUSTRA (antigo profeta persa que se retira á montaña trala súa primeira revelación relixiosa. Alí vive en compañía dos animais: o águila, que simboliza o orgullo, e a serpe, que simboliza a intelixencia. Alcanza a sabedoría e decide baixar a predicarlla a unha civilización que está no seu ocaso, minada polo nihilismo: fala primeiro do superhome e da morte de Deus; despois da vontade de poder, e finalmente, do eterno retorno. Zaratustra representa o concepto mesmo de Dioniso, pero tamén o superhome, o que supera a moral e vai máis aló do ben (Ormazd) e do mal (Arhimán).

- A vontade de poder (1901), obra póstuma na que aparecen as ideas fundamentais de «Así falou Zaratustra», especialmente a do nihilismo como a situación do noso tempo e o inicio do proceso de autosuperación dos ideais filosóficos, relixiosos e morais tradicionais.

 

CRÍTICA AOS VALORES DA CULTURA EUROPEA: Nietzsche critica a cultura occidental, por impoñer a racionalidade fronte aos instintos e á vida, abarcando todos os aspectos da cultura europea: o mundo racional, o mundo relixioso e o mundo moral, tres mundos inventados polo home occidental e cuxos valores son interpretados por Nietzsche como síntomas da decadencia dunha sociedade cristián-burguesa coa súa moral puritana e convencional. A cultura europea está enferma e esa enfermidade chámase “Nihilismo” e “Decadencia”, e fai ao home europeo cada vez máis manso, máis mediocre, máis “civilizado”.

Na súa crítica á moral, Nietzsche emprega o método xenealóxico, consistente nunha investigación etimolóxica e histórica da evolución dos conceptos morais (Nietzsche era filólogo). Este lévalle a advertir que en todas as linguas “bo” significou primitivamente “o nobre e aristocrático”, contraposto ao “malo” no sentido non moral de “simple, vulgar, plebeio”. Estas dúas denominacións “bo-malo” foron creadas polos nobres e poderosos, na medida en que eran eles os que tiñan o poder de darse e dar nomes. Máis tarde, os considerados “malos” rebélanse, chámanse a si mesmos “bos”, e denominan aos nobres “malvados”. Esta transmutación foi realizada polos xudeus e continuada polos cristiáns, de modo que a moral é resultado da rebelión dos escravos, dunha actitude reactiva, de resentimento.

            Nietzsche sostén que o principal erro da moral tradicional é a súa «antinaturalidade», xa que, en virtude de leis, normas e imperativos, oponse á vida.  A base filosófica desta moral contra-natura é o PLATONISMO: o mundo das ideas serve de «máis aló» relixioso para os cristiáns, de tal xeito que acaba converténdose na metafísica cristiá.

Nietzsche distingue dous tipos de moral: a “moral dos señores”, caballeresca, propia dos espíritos elevados, do superhome, que ama a vida, o poder, a grandeza, o pracer; e a “moral dos escravos”, resultado do investimento dos valores e que defende a dor, a pequeñez, a humildade, a compaixón, a resignación, a paciencia...

          Nietzsche examina a historia da cultura occidental e constata un crecente ascenso dos valores dos débiles fronte aos fortes. Esta moral de escravos culmina nos movementos sociais de liberación que empezan na Revolución Francesa e que se estenden a través do século XIX. Para superar esta decadencia dos valores cristiáns, Occidente vai poñer no seu posto ao Superhome, libre de toda servidume relixiosa, de todo dogmatismo católico.

Nietzsche critica a filosofía e a metafísica tradicionais, por ser dogmáticas. Consideran o ser como algo estático, inmutable e abstracto, desacreditando o mundo que perciben os nosos sentidos, que é o único real. SÓCRATES fixo triunfar a razón contra a vida, o home teórico fronte aos poetas tráxicos; e PLATÓN creou o mundo das Ideas, desvalorizando o mundo real, un gran fraude metafísico, una gran mentira esixida pola razón, que necesitaba algo estable e absoluto, una morada para o home. Para Nietzsche, detrás deste idealismo só se esconde un espírito de decadencia, de resentimento e odio á vida, froito de prexuízos contra certas manifestacións vitais como a morte, a vellez, etc.

        Nietzsche ataca os principais conceptos metafísicos como enganos gramaticais ou da linguaxe. A necesidade de racionalizar o devir é o que nos obriga a inventar ficcións lóxicas e modelos de coñecemento que nos permitan a estabilidade fronte ao carácter caótico do mundo. As categorías ou conceptos cos que comprendemos e interpretamos a realidade son, segundo Nietzsche, ficcións convencionais que designan e etiquetan, pero non aclaran nada. Proceden de desestimar os sentidos e sobreestimar a razón. Pola contra, Nietzsche afirma que temos que aceptar o testemuño dos sentidos: o real é o devir, o fenómeno, a aparencia (FENOMENISMO).

Critica a “vontade de verdade” que impera na historia do pensamento e non admite “verdades en si”, pois entre o mundo do suxeito e o do obxecto non caben correspondencias lóxicas. A razón humana non poderá xamais abarcar nin simplificar o mundo, continuo devir, nas súas categorías ou conceptos. Só é posible un comportamento “estético”, creativo, artístico e efémero. É verdade o que serve ou favorece á vida (PRAGMATISMO).         

Contra o dogmatismo metafísico, Nietzsche defende un PERSPECTIVISMO: non hai feitos, senón interpretacións, non hai cousas en si, senón perspectivas. A pregunta, que é isto?, non é senón a pregunta: que é isto para min? Dado que a realidade é dinámica e cambiante, e ademais, as formas de comprensión e interpretación humanas tamén están suxeitas ao devir a á diversidade de prespectivas, é imposible realizar unha comprensión fixa, esencial e definitiva da realidade. É por isto polo que Nietzsche exalta o poder da imaxinación metafórica e creativa do ser humano para intentar explicar a realidade.

Pero non hai que confundir unha metáfora coa cousa representada, pois esa é a actitude propia do metafísico dogmático, que confunde o concepto co ser; Nietzsche é consciente de que a súa clasificación é arbitraria e podería ser distinta.

Na súa crítica á relixión, Nietzsche afirma que a relixión nace do medo, da angustia e impotencia que sente o home ante a vida, polo que non contén ningunha verdade. Concretamente, o cristianismo investiu os valores das antigas Grecia e Roma, que eran valores de vida, e inventouse un mundo ideal, celestial, que levou consigo unha desvalorización do mundo terreo. Só fomenta valores mezquinos como a obediencia, o sacrificio, a humildade, que son sentimentos propios do rebaño e ademais fala de pecado, que é un concepto que atenta contra a vida.           

Esta crítica ten como precedente a crítica de Feuerbach, filósofo alemán do século XIX que defende un ateísmo antropolóxico, xa que dí que a relixión é unha creación humana.

Nietzsche interpreta o cristianismo como unha «moral vulgar» porque se opón aos valores específicos da verdadeira virtude (a gallardía, a nobreza, o mando). Isto provén da idea de Deus, que abruma ao home coa idea dun máis aló, obstaculizando a vida, e por iso hai que acabar con ela. A morte de Deus significa para Nietzsche a liberación deste gran peso que abruma ao home. Esta idea de Deus comeza a tambalearse na modernidade, co antropocentrismo do Renacemento, a razón como fundamento de todo dos Racionalistas, o poder do pobo (non de Deus) propia da Ilustración, e a ciencia dos positivistas.          

Segundo Nietzsche, a idea de Deus é o que impide ao home ser home, chegar a ser o superhome, polo que para que viva o home ten que morrer Deus, comezando así unha nova historia na que o home se libera de mitoloxías e supersticións e pode crear o seu propio destino. Deus será suplantado polo superhome.


NOVA XERARQUÍA DE VALORES: Para Nietzsche, a cultura europea chegou á súa decadencia, polo que hai que renovala. Esta é a tarefa do filósofo: liberar ao home de todos os valores falsos e decadentes da nosa cultura tradicional, devolvéndolle o dereito á vida.

Segundo Nietzsche, o carácter ilusorio dos valores da cultura occidental fará que se derruben e se acabe chegando ao nihilismo. “Nihilismo” (do latín nihil, nada) significa para Nietzsche a perda de validez dos valores tradicionais, de modo que se perde o sentido da vida, quedando desorientados, sen brúxula. Tal estado non chegou aínda, pero se anuncia no pesimismo, na decadencia e no esgotamento xerais. Tal nihilismo pasivo é a consecuencia da ausencia de valores, de metas, de respostas aos porqués que se responderon desde Deus (que era a base de toda a cultura occidental). Nietzsche propondrá un nihilismo activo que intenta adiantarse ao nihilismo pasivo e crear unha civilización nova antes de que se derrube definitivamente a antiga.


- A nova moral: transvaloración dos valores. A nova moral proposta por Nietzsche está baseada no desexo apaixonado de vivir, na exaltación da vida sen traba algunha. A vida ten valor por si mesma, e non hai que buscarlle outra explicación. É o valor absoluto ao que se subordinan todos os demais. Non hai que impoñer ningunha norma á vida, senón gozar dela.

          A nova moral tradúcese na exaltación das forzas primarias da vida: hai que valorar a moral dos señores fronte á moral dos escravos. Fronte á resignación e á humildade están a forza, o poder, a paixón e o pracer. Pretende recuperar así os instintos vitais do ser humano, transformar ao home que, domesticado polo cristianismo, converteuse en mezquino, mediocre, prudente, servil, dócil, esquecendo a súa verdadeira esencia existencial: a súa vontade de poder.           

            Nietzsche basease en Dioniso, deus grego da vida, do viño, símbolo da alegría desbordante de vivir, da desorde, do caos. O seu culto procedía de Tracia, e estendeuse rápidamente a Grecia. Recibía numerosos nomes: Baco, Zagreo... e pensábase que habitaba no alto das montañas. No seu honor organizábanse na primavera festas do viño, concursos de poesía e representacións teatrais. Este deus opoñíase a Apolo, deus das formas externas, da aparencia chea de beleza. Era un deus do Olimpo, do sol, da luz, e o seu santuario principal atopábase en Delfos. É o símbolo do ordenado, coherente, racional...

    

- A nova visión do home de Nietzsche amosa o padrinazgo de Darwin: as ideas sobre a forza e o poder da vida e a súa evolución, sobre a loita pola existencia na que sobreviven os máis fortes. Para Nietzsche, o home é un ser intermedio entre a besta e o superhome, sendo o único animal que aínda non chegou a consolidarse. Por iso, defende que o home ten que superarse e transformarse no superhome, sendo resultado de tres “transformacións” do espírito:

 

1. Camello: O espírito do home é o dun animal de carga, que obedece ao seu amo sen queixarse, cegamente. Soporta as obrigacións sociais e carga cos valores que se presentan como crenzas.

2. León: É resultado da rebelión do home-camello contra o seu amo, cansado polo peso da carga. É símbolo do nihilista que rexeita os valores tradicionais e impón a súa vontade.

3. Neno: Liberado das cargas e prexuízos, convértese no creador dos seus propios valores, no home-pícaro ou o superhome que anuncia Zaratustra, “o home primeiro”, xa que posúe a inocencia dun neno, xoga coa vida, facendo desta un continuo experimentarse a si mesmo.

 

Nietzsche asocia ao superhome tamén os seguintes conceptos:

 

- A ansia de vivir: O superhome preocúpase, sobre todo, da vida, valorando o corpo, a saúde, o pracer, as paixóns, a violencia, o éxito... As virtudes que ama son a forza física, o poder, a rebeldía do poderoso.

-  A superación da moral tradicional occidental cristiá. O superhome non está sometido a ningún precepto moral, situándose por riba do ben e do mal. A súa conciencia é a conciencia da Natureza: o que favorece á Natureza é bo e o que a prexudica é malo. É fiel ao terrenal, esquecendo as elucubracións espirituais da filosofía e da relixión.

-  A superioridade: O superhome é a máxima posibilidade do ser humano, é un ser superior. Nietzsche cre que a igualdade só leva á moral de rebaño, de escravos.

-  A vontade de poder: Na súa obra Ecce Homo (parecida a unha autobiografía) explica que intentou sanarse a si mesmo e que así “descubrín de novo a vida (...) e convertín a miña vontade de saúde, de vida, na miña filosofía”. O mundo, a vida, o home, son vontade de poder. Aínda que Nietzsche non define claramente en ningún sitio o que é a vontade de poder, queda claro que non é a vontade de obedecer, a “vontade de verdade” do home teórico ou a vontade que busca o pracer e evita a dor, xa que a dor non é negativa, pois actúa como estimulante da vontade. Trátase da vontade de superarse, de vivir máis, de dominar e recrear o mundo e os seus valores.  Significa forza, impulso vital, emoción, paixón...

- O eterno retorno:  É un si á vida que defende permanecer “fieis á terra”, a este mundo, ata o punto de desexar que se repita eternamente. Simboliza, no seu eterno virar, que este mundo é o único, xa que unha historia lineal conduciría cara a “outro” mundo. Con isto, Nietzsche intenta refutar a concepción lineal e teleolóxica do Universo. Interprétase como expresión do desexo de que todo sexa eterno, de que nada sexa distinto, pensamento desesperante para o que non ama a vida. Parece querer transmitir que hai que vivir esta vida infinitas veces con cada dor e cada alegría.

 

 

 

 

lunes, 21 de marzo de 2022

KARL MARX

INTRODUCIÓN: CONTEXTO HISTÓRICO (social, económico, político e ideolóxico)

O século XIX foi un período revolucionario, de transformación económica e social, pois prodúcese (en Gran Bretaña e despois noutros países europeos) a Revolución Industrial. Esta supuxo un cambio profundo na organización da produción (paso da economía baseada na agricultura e manufactura doméstica-artesá á produción fabril-mecánica) e a consolidación do capitalismo como novo sistema social no que son protagonistas dúas novas clases: a burguesía empresarial e o proletariado.

O proletariado ou clase traballadora será a filla pobre da Revolución Industrial, soportando unhas condicións laborais e de vida inhumanas. Nas fábricas e nas minas traballaban catorce horas diarias, incluso nenos, por un salario miserable, sen medidas hixiénicas ou de seguridade, nin dereito de subsidio por enfermidade ou vellez.

A nivel político, o liberalismo foi a ideoloxía máis importante. As súas raíces atópanse na teoría política do empirista Locke (liberalismo económico de tradición inglesa, que defendía a propiedade privada e o non-intervencionismo estatal nas iniciativas económicas particulares) e do ilustrado Montesquieu (liberalismo político de tradición francesa, que defendía maior liberdade e participación política, una monarquía constitucional e a ampliación do sufraxio, opoñéndose así ao autoritarismo político).

Baseándose na ideoloxía liberal, a burguesía levou a cabo no s. XIX revoltas inspiradas nas grandes revolucións do século anterior.

Nesta época prodúcese tamén un gran avance na ciencia e na técnica, favorecido pola especialización do saber e pola industrialización, pois necesitábanse novas fontes de enerxía (invento da pila eléctrica de Volta). Novas ciencias como a Socioloxía e a Psicoloxía pretenden coñecer o ser humano e a sociedade dun xeito rigoroso e fiable, así como a Física coñece a natureza. En bioloxía, a teoría da evolución de Charles Darwin transforma a concepción do ser humano, que deixa de ocupar un lugar privilexiado e pasa a ser unha peza máis da natureza.

Toda esta situación social, económica, política e ideolóxica influirá no pensamento de MARX, ademais dos movementos nacionalistas que deron lugar a guerras e fenómenos de unificación (Alemaña e Italia) ou de separación (Imperio de Austria, Imperio otomán); e o imperialismo europeo, que pretendía ampliar o seu poder e obter materias primas. Estes movementos foron considerados por Marx como unha forma de ideoloxía que obstaculizaba a revolución social.

 

KARL MARX foi un filósofo, economista, sociólogo, intelectual e militante comunista  prusiano de orixe xudía do s. XIX. A súa vasta e influente obra abarca diferentes campos da filosofía, a historia, a ciencia política, a socioloxía e a economía; non limitándose só á investigación, senón tamén á práctica do xornalismo e da política. Xunto a  Friedrich  Engels, é o pai do socialismo científico, do comunismo moderno e  do materialismo histórico.

Nacido en Tréveris (Prusia), nunha familia de clase media acomodada, liberal e democrática, estuda Dereito na Universidade de Bonn e na de Berlín, onde recibe a influencia dos “mozos  hegelianos” de esquerda, críticos co idealismo hegeliano, entre os que destaca Feuerbach, discípulo de Hegel e mestre dos xoves hegelianos, que leva a cabo un xiro materialista á filosofía do mestre e introduce o concepto de alienación no ámbito relixioso, sendo considerado o pai do humanismo ateo contemporáneo ou ateísmo antropolóxico: Deus é unha creación humana, na que o home lle atribúe todas as virtudes da grandeza humana tales como amor, sabedoría, bondade..., quedando así desposuído delas, perdendo a súa natureza, deshumanizándose, alienándose. Deste modo, reduce a teoloxía á antropoloxía, feito que marca a Marx.

Tralos seus estudos, colabora en varios xornais radicais (tanto en Alemaña como en Francia), que son censurados e pechados. Durante a súa estancia en Francia, coñece a pensadores socialistas e anarquistas como Proudhon e Bakunin, que defendían que o poder e o Estado levan necesariamente a opresións e a inxustizas, polo que propoñen a destrución do Estado para liberar ao home.  Tamén coñece ao socialista alemán Friedrich Engels, co que establece unha amizade que dura toda a súa vida. Posteriormente, en Bruxelas (Bélxica), convértese nunha figura importante da Liga dos Comunistas e distánciase do socialismo utópico de Proudhon pola súa inxenuidade e falta de validez científica: só un socialismo científico, que parta da análise da realidade, pode transformar o mundo. (O socialismo “utópico” foi iniciado no s. XIX por pensadores sensibilizados coa situación da clase obreira, como o conde de Saint-Simon, Charles Fourier e Robert Owen).

Prodúcense en Europa as denominadas “revolucións de 1848”. En Francia, cae a monarquía e establécese a Segunda República. Marx apoia dita revolución e utiliza a herdanza do seu pai para armar a traballadores belgas revolucionarios. É arrestado e ten que fuxir a Francia e máis tarde a Alemaña, onde pretende estender a revolución e onde funda o diario “Nova Gaceta Renana” (río Rin), que acaba sendo pechado e el expulsado novamente do país.

Despois de tentar establecerse en París, de onde o expulsan por consideralo unha ameaza política, refúxiase en Londres, a súa residencia definitiva. Funda a nova sede da Liga dos Comunistas e involúcrase na Asociación Internacional de Traballadores (coñecida como Primeira Internacional), chegando a ser un dos seus líderes.

Ao ver que non se produce a gran crise económica que tiña que levar a unha nova revolución, senón que máis ben consolídase o capitalismo, Marx dedícase profundamente ao estudo da economía. Tras numerosos escritos, publica o primeiro volume da súa obra fundamental, O Capital, na que analiza o proceso de produción capitalista, especialmente, o de acumulación do capital. Ademais, elabora a súa teoría do valor-traballo, teoría económica que afirma que o valor de (inter)cambio dun ben ou mercadoría depende da cantidade de traballo socialmente necesario para producilo (en condicións normais) e non pola súa utilidade para o propietario. Tamén elabora a súa concepción da plusvalía e da explotación que, segundo el, levaría ao colapso do capitalismo industrial. Os volumes II e III serán publicados postumamente por Engels.

Nesta obra, empregando o método dialéctico de análise, chega ao materialismo histórico, concepción da historia que considera o desenvolvemento económico da sociedade, as transformacións na produción, a división social en clases e a loita destas entre si, como as causas dos acontecementos históricos. Trátase dunha teoría sociolóxica que pretende ser científica, empírica, cuxa primeira formulación aparece xa na súa obra A ideoloxía alemá, na que, tras unha análise histórica e económica, leva a cabo unha crítica do pensamento dos “mozos  hegelianos” e de Feuerbach.

Outras obras destacadas súas son:

- Manifesto do Partido Comunista ou simplemente Manifesto comunista (obra escrita en  coautoría con  Engels).

- Manuscritos económico-filosóficos de 1844, tamén chamados Manuscritos de París, nos que trata sobre a propiedade privada, o comunismo e o diñeiro, expoñendo o seu argumento de que as condicións das sociedades industriais modernas dan lugar á alienación do asalariado.

- Contribución á crítica da economía política ou simplemente, Para a crítica da economía política, obra na que crítica aos grandes teóricos da economía, Adam Smith e David Ricardo (s.  XVIII- XIX). O prólogo contén a interpretación materialista da historia e a dicotomía entre infraestrutura e superestrutura.

Aínda que Marx parte da filosofía de Hegel e os hegelianos de esquerdas, especialmente de Feuerbach, da economía política inglesa e do socialismo utópico, distánciase de todos eles cunha actitude crítica.

Fronte a  Hegel, pensador  idealista e  panteísta, cuxa filosofía é máis ben teoloxía (investigación sobre o ser de Deus), a “esquerda  hegeliana” defende o materialismo, o ateísmo e a antropoloxía. O universo non é un espírito (Deus) que o enche todo, senón materia en evolución que culmina no ser humano. Por iso, Marx recollerá o método dialéctico de Hegel, pero aplicarao á evolución da materia, na que o lugar central ocúpao o ser humano e Deus non ten cabida algunha.

De acordo con Engels, critica a dialéctica hegeliana por considerar que as ideas do suxeito crean a realidade, dando prioridade ao pensamento sobre o ser (idealismo). Xa Feuerbach afirmou que o ser é suxeito e o pensamento, predicado, é dicir, o pensar provén do ser, e criticou a Hegel por converter ao pensamento en “substancia” e ao ser humano nun “espírito”. De acordo con isto, Marx sostén que o ideal deriva do material, polo que o prioritario é o ser, e propón unha dialéctica da realidade material, crítica e revolucionaria, que pretende transformar o mundo pola acción práctica (non só comprendelo ou xustificalo). Esta acción revolucionaria debe ir unida á teoría filosófica, económica, política e ao Dereito, defendendo así a unidade de teoría e práctica.

Por outra banda, Marx critica o materialismo clásico, por ser abstracto e  mecanicista, reducindo a materia a leis mecánicas, xa superadas coa ciencia do s. XIX. Tamén critica o materialismo de Feuerbach, por considerar ao ser humano un ser pasivo-contemplativo, separado da Natureza, xa que para Marx, o ser humano forma parte da natureza, pois é resultado da evolución da materia, e é un ser activo e transformador, que constrúe a realidade pola súa “praxe” ou traballo. Así, o home é un proceso da propia natureza polo que esta se transforma e perfecciona. Para Marx, historia natural e historia humana son unha mesma historia: a evolución da natureza dá lugar ao ser humano, o cal, á súa vez, fai evolucionar á natureza grazas ao traballo.

Marx aplica a dialéctica á historia, un continuo devir cuxo motor é a negación ou contradición. Destas contradicións xorde a loita de clases e o progreso. Pero neste devir, non é o desenvolvemento do espírito ou a ideoloxía o que determina a realidade, senón ao revés: as condicións socio-económicas marcan a forma de pensar e a cosmovisión dun pobo. Por iso, o proceso dialéctico deriva da oposición e a superación de diferentes sistemas de produción de bens materiais. Deste modo, a historia avanza xa que o sistema económico do momento (tese), debido a incoherencias internas, xera outro sistema oposto (antítese ou negación). Da confrontación entre un e outro, xorde unha situación económica e social nova (síntese, negación da negación ou nova tese). E así vólvese a xerar todo o proceso: tese, antítese e síntese.

Tamén aplica a dialéctica á economía, a denominada “dialéctica da  reciprocidade”, segundo a cal os opostos se compenetran, de modo que os termos dun problema hai que consideralos na súa oposición e acción recíproca. Isto supón considerar as categorías económicas históricas na súa relación entre estrutura e superestrutura.

Deste xeito, partindo do aspecto dialéctico da historia e da influencia recíproca entre a estrutura económica e a superestrutura ideolóxica, Marx afirma que todas as sociedades avanzan a través da dialéctica da loita de clases. Esta concepción da historia, o materialismo histórico, pretende analizar a realidade dun modo científico, é dicir, descubrir as leis do desenvolvemento histórico e prever o futuro social.

Considera o capitalismo como tese e analiza e descobre as contradicións xeradas nas relacións de produción capitalistas: a "ditadura da burguesía", dona dos medios de produción para o seu propio beneficio, explota e oprime ao proletariado, provocando a súa negación e superación. Teoriza que os obreiros rebélanse e instauran un novo sistema, o socialismo ou ditadura do proletariado (antítese) e desta oposición xorde unha nova situación económica e social, o comunismo (síntese), unha sociedade sen Estado e sen clases.

A loita de clases, supón para Marx ter conciencia de clase, é dicir, de pertenza a un grupo social unido por intereses comúns e consciente da súa situación e do seu poder. Ademais, implica organizarse nun partido obreiro que forme parte dunha organización internacional, xa que o obreiro non ten patria. De aí o lema: “Proletarios de todos os países, unídevos”. Este partido debe tomar o poder e substituír ao Estado, de modo que as súas reivindicacións sexan verdadeiramente ás da sociedade mesma.

Para Marx, o ser humano é un ser activo e práctico que se caracteriza pola súa actividade técnica: o traballo (fronte aos clásicos, que destacaban a actividade teórica e contemplativa, xa que o traballo de transformación da Natureza estaba reservado aos escravos). Devandito traballo é natural e esencial ao ser humano: é unha necesidade que garante a subsistencia e unha forma de humanización, xa que permite a realización persoal. Constitúe enerxía ou forza humana materializada, e o produto resultante, a manifestación do suxeito que o realiza, de tal modo que aquel lle pertence. Ademais, o traballo ten unha dimensión social intrínseca, pois o home non produce só para si, senón que crea obxectos que serven para o xénero humano, para a sociedade.

Traballar é transformar a Natureza, usando materias primas, forzas e enerxías naturais (incluída a forza física do traballador) ou instrumentos artificiais (creados polo home). Dita forza de traballo e medios de produción constitúen as “forzas materiais de produción”. Ditas forzas implican unhas “relacións sociais de produción”, que se manifestan no nacemento de gremios, de clases sociais e de relacións de propiedade. No capitalismo, a burguesía posúe os medios de produción, e o traballador só a forza de traballo.

Segundo Marx, as forzas materiais de produción e as relacións sociais de produción constitúen a “ESTRUTURA ECONÓMICA SOCIAL”, que vai determinar o modo de ser e de pensar do home, a “SUPERESTRUTURA IDEOLÓXICA SOCIAL” ou “IDEOLOXÍA”, é dicir, as ideas e valores da sociedade nun momento dado. A ideoloxía dominante en cada momento é a da clase dominante, polo que tende a xustificar a estrutura económica do momento.  Polo tanto, a historia do pensamento depende da historia da economía, que se converte no motor da humanidade, na causa dos cambios. A historia é conducida principalmente (non exclusivamente), polo desenvolvemento das forzas de produción, a principal das cales é o traballo humano. O ser humano é o actor principal da historia, pero esta só avanza mediante leis necesarias (tese-antítese-síntese), enfrontamentos e conflitos necesarios para o progreso.

Marx cre que o conflito empeza cando cambia drasticamente a estrutura económica (forzas materiais e relacións sociais de produción), xa que iso cambia a superestrutura ideolóxica. Baseándose en exemplos como a caída do feudalismo e a Revolución francesa, teoriza que o desenvolvemento do capitalismo levará inevitablemente a superar a sociedade burguesa e a propiedade privada. Marx cre que para que o home alcance a felicidade hai que crear unha sociedade comunista, na que non haxa propiedade privada dos medios de produción e por tanto, o ser humano sexa libre e dono de si mesmo.

Para explicar isto, Marx introduce nos seus Manuscritos, o concepto de ALIENACIÓN, termo empregado por primeira vez por Hegel para referirse ao estrañamento da conciencia respecto de si mesma, e que máis tarde, Feuerbach aplica á relixión, co significado de deshumanización. Marx, en cambio, considera que a alienación se produce basicamente no traballo, no que os homes son sometidos e escravizados por outros. E é que as condicións do traballo asalariado no capitalismo, no canto de realizar ao ser humano, de dignificalo, o desposúe e aliena.

Esta alienación dáse respecto ao produto do traballo e á Natureza, que se converte nunha mercadoría que non lle pertence e que se transforma en capital doutros. Tamén dáse respecto ao propio traballo, xa que se converte nunha actividade forzada que ten lugar nunhas condicións infrahumanas, nas que o home síntese como un animal por non desenvolver a súa libre enerxía física e espiritual. E por último, dáse respecto aos demais homes, xa que cada un traballa para si mesmo, pola mera subsistencia, e non para transformar o mundo para a sociedade e a humanidade enteira.

A alienación é primeiramente económica, derivando posteriormente en alienación social, política, filosófica e relixiosa. O empresario que posúe os medios de produción compra o traballo do home, que fabrica produtos que non lle pertencen e que posúen un valor maior que xera unha “plusvalía” ou beneficio ao empresario (alienación económica). Para que haxa esta ganancia, non pode pagarse un salario xusto ao traballador, polo que sempre se dará o abuso. O empresario xustifícase alegando que no valor do produto hai que ter en conta tamén o valor dos medios de produción, que lle pertencen, polo que é xusto que sexa el quen se beneficie deles. Marx considera isto unha apropiación indebida, xa que o obreiro foi quen fabricou eses medios de produción e deberían ser sociais, non privados.

Neste sistema capitalista, todo se converte en mercadoría e queda supeditado ás leis da oferta e da demanda, incluso o traballo humano. O excedente de man de obra fai que o traballo do obreiro se infravalore, polo que recibe un salario irrisorio. Deste modo, uns enriquécense cada vez máis, mentres outros traballan só para subsistir, xerándose dúas clases sociais enfrontadas e moi desiguais en dereitos reais, pois, aínda que a lei fale de “igualdade”, esta é meramente formal: a burguesía goza de privilexios, mentres que o proletariado é privado da súa dignidade como persoa e cidadán (alienación social e política).

Marx, en contra dos socialistas utópicos, non cre que as reformas políticas ou a democracia sexan a solución, pois o poder non reside nas leis, senón na posesión dos medios de produción, que están en mans duns poucos. Os capitalistas deciden que producir e a quen empregar, polo que as súas decisións de inversión fixan o rumbo do desenvolvemento social. Por iso, só cabe unha revolución social na que o proletariado se alce cos medios de produción e remate construíndo unha sociedade xusta e igualitaria, na que sexan innecesarios o Estado e o Dereito.

Marx tampouco confía na ideoloxía para cambiar a práctica, criticando á filosofía, por manterse no discurso teórico, crendo que así se solucionan os problemas reais: “os filósofos non fixeron máis que interpretar o mundo; o que hai que facer é cambialo”. Precisamente, Marx di que a ideoloxía oculta a alienación, pois defende que cada ser humano ten que cumprir coas tarefas fixadas pola sociedade para evitar a desorde social. Isto é apoiado polas institucións estatais, xurídicas e relixiosas, que vixían polo cumprimento destas ideas de dominación. Por isto, Marx sostén que hai que desenmascarar esta ideoloxía que inverte a realidade e vela tal como é: o sometemento da clase traballadora pola clase dominante.

Por último, prodúcese unha alienación relixiosa, pois o traballador oprimido e asfixiado utilízaa para escapar da dura realidade, converténdose no “opio do pobo”. A relixión é considerada por Marx moi perigosa, pois leva ao proletariado a deixar de loitar, resignándose a vivir oprimido coa esperanza dunha vida posterior moito mellor. Por iso, defende que hai que eliminala, pero non como o intentaron ata o momento (“ateísmo negativo” que afirma que a relixión é un invento humano), senón cambiando as condicións materiais de vida do proletariado mediante a revolución, de modo que ao ter satisfeitas as necesidades e ser feliz, o home deixe de pensar noutra vida futura (“ateísmo positivo”).

Marx  conclúe que só o comunismo entendido como supresión da propiedade privada, do “capital”, permitirá eliminar as alienacións e humanizar ao home, que quedou reducido a unha mercadoría. Para Marx, unha mercadoría é un obxecto dotado de valor de uso (capacidade de satisfacer unha necesidade: alimento, vivenda…) e de valor de cambio (valor de mercado que se mide en diñeiro e que depende da cantidade de traballo socialmente necesario para producilo).

No capitalismo, o valor de cambio depende do tempo de traballo investido e a amortización dos medios de producción, é dicir, o mantemento da maquinaria, mal pagando a forza de traballo necesaria. Deste modo, o traballador convértese nunha mercadoría, pois o capitalista compra, por debaixo do seu valor, a súa forza de traballo (capacidades físicas e mentais do asalariado), coa que produce outras mercadorías cun valor de cambio superior, xerando a PLUSVALÍA.

Isto supón unha explotación e unha acumulación de capital en mans duns poucos, obxectivo dos capitalistas que é acadado eliminando aos competidores, creando monopolios, aumentando a producción e incrementando o traballo sen subir os salarios, incorporando novas máquinas coas que prescindir de traballadores (que rivalizarán entre eles por un posto de traballo). Polo tanto, a acumulación de capital empeora a situación dos traballadores, en vez de satisfacer as súas necesidades. Esta é a irracionalidade do progreso no sistema capitalista, baseado en dúas “leis”, a lei de acumulación do capital e a lei da miseria crecente do traballador, polo que segundo Marx, está condenado á crise. 

Defende que a revolución socialista (fase transitoria de negación, na que haberá un dominio ou ditadura do proletariado) debe acabar con todas estas alienacións: empezando por eliminar a propiedade privada para que o ser humano recupere o produto do seu traballo e por tanto, o seu propio ser ou esencia. Deste xeito, eliminaranse as clases sociais e a política, construíndo unha sociedade anarquista onde a filosofía, o dereito, a relixión… serán inútiles. Así, chegarase ao comunismo, nova orde socioeconómica na que cada un traballará segundo a súa capacidade e recibirá segundo as súas necesidades, de modo que todos estarán satisfeitos e non haberá conflitos. Só entón comezará a verdadeira historia da humanidade, pois segundo Marx, estamos aínda na prehistoria, xa que o home non vive aínda como tal: ao ser explotado, busca só a súa subsistencia, como os animais.

É así como Marx profetiza a chegada do comunismo como unha evolución natural do capitalismo, como a súa fase final (negación da negación ou síntese, última etapa da historia). Ao abolir a propiedade privada, Marx cre que desaparecerán as divisións de clase e polo tanto, a loita social, que era o motor da historia, polo que esta deterase e a humanidade gozará, por fin, de paz, igualdade e liberdade.

Esta visión histórica utópica constitúe un tipo de determinismo que reduce a liberdade humana ao coñecemento das leis naturais necesarias que rexen a marcha da historia. O ser humano non pode cambiar o curso da historia, só pode “acelerala”. Para iso, hai que colaborar “libremente” co proxecto comunista que se vai a cumprir “necesariamente”. Nesta loita, Marx cre que “o fin xustifica os medios” e insiste en superar o traballo imposto e lograr unha organización racional e digna do traballo, pois só así lograrase a verdadeira liberdade. Para iso, no Manifesto do partido comunista, expón un programa de medidas políticas revolucionarias, tales como expropiar propiedades, abolir a herdanza, centralizar o crédito no Estado a través dun banco nacional, obrigar a combinar o traballo agrícola co industrial para facer desaparecer gradualmente a distinción entre campo e cidade, implantar a educación pública e gratuíta de todos os nenos e abolir o traballo infantil, combinar o traballo coa formación, etc. 

INFLUENCIA posterior: O marxismo tivo unha enorme influencia sobre os movementos socialistas, que ao longo do s. XX, tomaron o poder en varios países levando á formación de Estados como a Unión Soviética e a República Popular China, coas súas diversas variantes teóricas. Lenin (1870-1924) foi o primeiro teórico-práctico que intentou desenvolver o pensamento de Marx na práctica, dirixindo a revolución de outubro de 1917 na que se fai co poder da Unión Soviética. Pero hai que distinguir entre a teoría filosófico-política de Marx e Engels e as interpretacións e reformulacións posteriores, pois ningunha delas foi fiel ás súas teses, non suprimindo, por exemplo, o Estado, senón reforzándoo. Por iso, o desenvolvemento de réximes comunistas como o ruso, o xinés ou o cubano non desacredita nin xustifica as teorías sociais e políticas de Marx.