sábado, 2 de mayo de 2020

PAUTAS DE COMENTARIO FILOSÓFICO


PAUTAS XERAIS DE COMENTARIO DE TEXTOS FILOSÓFICOS




TRABALLO PREVIO sobre os textos propostos (ABAU): 

1)    Ler o texto un par de veces, subliñando ou enmarcando na segunda lectura a idea ou ideas principais, as secundarias e os termos significativos.

2)    Facer un esquema ou borrador coas ideas e termos centrais do texto, enunciándoas coas vosas palabras. A continuación, anotar breves observacións ao redor desas ideas ou termos, que sintetizen o que comentariades deles (contexto, autor, obra, teoría relacionada, comparación con outros autores…).
Debe ser breve e sinxelo para axudar a estruturar a composición, visualizando o conxunto da información a redactar.

  
 COMPOSICIÓN DO COMENTARIO FILOSÓFICO:    

A estrutura debe ser clara e coherente, comezando por unha INTRODUCIÓN na que se fale de:

·         A orixe do texto (sinalar de quen é o texto, clasificando ao autor e situándoo na súa época e contexto social, político e cultural)

·         A forma do texto (dicir se é un fragmento pertencente a unha obra maior, especificando o lugar que ocupa nela, a importancia de dita obra no conxunto do pensamento do autor, o periodo e a parte aos que pertence: Metafísica, Física, Teoría do Coñecemento, Ética, Política..., sinalando a forma literaria que presenta: diálogos, tratados...)

·         O contido do texto (resumir o texto, sinalando o tema e as ideas fundamentais coas vosas palabras e sen valoracións persoais).

Unha vez rematada a introdución cunha breve síntese do contido do texto, hai que proceder á ANÁLISE-COMENTARIO do mesmo e ao DESENVOLVEMENTO da CUESTIÓN TEÓRICA proposta (ESTÁNDAR)*:

·         Explicar unha a unha as ideas defendidas no texto, así como os conceptos significativos empregados nel. Para isto, é necesario relacionar estas ideas e conceptos do texto coa teoría do autor, e desenvolver a cuestión-estándar proposta.

·         Comparar as ideas e conceptos coas doutros autores (influencias, diferenzas).

·         Valorar críticamente as ideas e tema propostos (a valoración persoal, de poñela, debe estar fundamentada e amosar coñecemento e madurez).


A análise-comentario das ideas e conceptos pode facerse:

·         Seguindo en orde do texto (parágrafo a parágrafo, idea a idea).

·         Segundo a estrutura interna, é dicir, a relación que teñen as ideas entre sí: ideas principais e secundarias, premisas e conclusións, tese e argumentación, punto de partida e desenvolvemento…



*Na actual ABAU, a CUESTIÓN TEÓRICA ou ESTÁNDAR do texto vale a metade da puntuación, é dicir, 3 puntos. Lembrar que hai que desenvolvela a partir do texto e a súa análise (3 puntos restantes do comentario de texto), polo que NON pode ser un tema teórico sen máis. Hai que aludir ao texto cando sexa posible e relevante.
 


O QUE NON SE DEBE FACER:

·         Aínda que falemos de “Introdución”, “Análise-Comentario” e “Cuestión teórica- Estándar”, a composición ten que redactarse de modo unitario. Isto quere dicir que non se poñen apartados, títulos nin esquemas. É conveniente separar cun punto e aparte a introducción e o comentario, estruturándoos en parágrafos distintos.

·         A Introducción debe ser breve en relación ao conxunto da composición: non son relevantes nin datas nin datos concretos do autor, agás que se mencione algún no texto. Chega con situar no Século e na Escola correspondentes e falar do contexto xeral.

·         Explicar só aquela teoría que estea relacionada co texto e coa cuestión teórica proposta, é dicir, non falar de todo o que saibamos do autor se non está relacionado.



No hay comentarios:

Publicar un comentario