lunes, 21 de marzo de 2022

CONTEXTO FILOSOFÍA MODERNA E DESCARTES

 CONTEXTUALIZACIÓN XERAL DA FILOSOFÍA  MODERNA

     A Idade Moderna considérase unha lenta pero profunda transformación das estruturas económicas, sociais, políticas e ideolóxicas da Idade Media. Dita transformación comeza co chamado Renacemento, etapa que comprende os séculos XV e XVI e coa que se inicia o periodo Moderno.

No ámbito económico, desenvólvese o capitalismo da man da burguesía, aumentando o comercio e os intercambios culturais. Inventos como o da brúxula axudan á expansión xeográfica, e o descubrimento de América cambia a idea dun mundo limitado pola dun mundo aberto pendente de conquistar.

 No ámbito político, consolídanse as monarquías como os primeiros Estados Nacionais modernos. Ditos Estados-Nacións intentan eliminar toda estrutura feudal supranacional que debilite o seu poder, como é o Papa, o que paso á Reforma e as guerras de relixión (como a Guerra dos Trinta Anos, no s.XVII). Dita Reforma iníciase en Alemaña da man do monxe católico agustino Martín Lutero, pero pronto esténdese a outros países (os denominados “protestantes”), o que provoca a Contrarreforma da Igrexa católica, que tralo Concilio de Trento, reafirma a doutrina milenaria católica e fai que regresen á obediencia moitas nacións reformadas, en medio dun terrible periodo de guerras de relixión. En Francia (país de donde é Descartes), logrouse acabar con estas guerras de relixión mediante a promulgación do Edicto de Nantes, que garantiu a liberdade relixiosa.

A pesares da Contrarreforma, nas monarquías occidentais o poder real faise cada vez máis autónomo da Igrexa, producíndose a separación entre o político e o relixioso, comezando así a vía da secularización.

No ámbito cultural e filosófico, xorde unha nova concepción do ser humano, exaltado pola súa dignidade e Iiberdade. Ademais, a natureza humana dispón de medios, como a razón e a intelixencia para venerar a Deus, pero o modo de facelo é variable, polo que defenderase a tolerancia relixiosa como necesaria para que reine a paz social e a harmo­nía.

Este humanismo renacentista (filosofía secular que substitúe á escolástica medieval), implica un proceso de separación entre filosofía e teoloxía que xa tiña precedentes medievais: Santo Tomás de Aquino defendeu a autonomía da filosofía e Ockham desvinculou directamente razón e fe. Co humanismo, recupéranse os filósofos gregos no seu estado puro, liberando á filosofía grega das lecturas medievais. De aí que a filosofía moderna implique a AUTONOMÍA DA RAZÓN e consista nunha análise da razón teórica e práctica.

Esta nova forma de ver o mundo que supón a Modernidade está estreitamente vinculada ao desenvolvemento da ciencia ou mellor dito, á revolución científica que se produce nesta época. Fronte ao modelo teleolóxico de Platón e Aristóteles (que chegaría ata o Renacemento grazas a Santo Tomás de Aquino), no s. XV xorde o modelo mecanicista. Este cre que o universo se explica a través de forzas mecánicas ou físicas.  Segue o exemplo das máquinas, que se moven en virtude de leis causais, e rexeita as forzas ocultas ou máxicas. Isto dará lugar a unha ciencia autónoma fronte á filosofía e á fe, que empregará unha metodoloxía experimental e identificarase como a única que pode describir verdadeiramente a Natureza.

Copérnico (1473-1543) cambia a imaxe do universo ao superar o xeocentr­ismo e propoñer o heliocentris­mo, segundo o cal a Terra é substituída polo Sol como centro do universo. Isto será recoñecido por Kepler (1571-1630), que verifica as hipóteses matemáticas sobre o movemento dos planetas. Máis tarde, Galileo Galilei (1564-1642) confirma definitivamente este sistema copernicano grazas ao telescopio, e establece o método experimental como método científico, que combina teoría e experiencia. Newton (1643-1727), consolida o método científico de Galileo, empregando a concepción mecanicista e o uso das matemáticas para describir a realidade física.

Este novo concepto de ciencia racional e matemática que entende o mundo como un sistema mecanicista, determinado e predicible pola razón humana mediante o método científico, influirá enormemente nas principais filosofías da Modernidade, que se interesarán polo problema do Método, propoñendo cada unha un método distinto: o deductivo (o Racionalismo), o analítico (o Empirismo), e o trascendental (Kant).

Denomínase Racionalismo á filosofía característica dos séculos XVII-XVIII, iniciada por Descartes en Francia, que afirma a autonomía da razón, o innatismo das ideas e o ideal dedutivo do coñecemento, baseado no modelo de razoamento matemático. Os racionalistas son, ante todo, metafísicos, e con eles a metafísica alcanza un nivel comparable ao da metafísica de Aristóteles. Haberá que esperar ata Hegel (s.XIX) para atopar unha metafísica equiparable á racionalista. Esta doutrina gnoseolóxica e metafísica foi defendida tamén por Malebranche, Spinoza e Leibniz.    

Por outra parte, denomínase Empirismo á filosofía inglesa dos séculos XVII-XVIII, representada por Locke e Hume, que se opón ao racionalismo negando o innatismo e afirmando que todo o noso coñecemento provén da experiencia sensible, de modo que non pode ir máis aló dela.

         Hai que dicir que a filosofía empirista estivo fortemente influida polos acontecementos históricos que se sucederon nas Illas Británicas, nas que existía unha forte oposición entre os puritanos (que defendían o poder do Parlamento), e os anglicanos, apiados polo rei Carlos I, quen disolve o Parlamento e implanta unha monarquía absoluta. Esta oposición dará lugar a dúas revolucións. A primeira, a Guerra Civil inglesa na que execútase a Carlos I, sendo sucedido polo líder puritano Cromwell, que instaura unha ditadura que suporá un aumento do puritanismo. E a segunda, a revolución gloriosa de 1688, que leva ao poder á burguesía, instaurando no trono a Guillerme de Oranxe e María Estuardo, os cales establecen unha monarquía parlamentaria e recoñecen certos dereitos cidadáns entre os que está a liberdade de culto. A instauración deste réxime foi o ideal polo que sempre traballou Locke. Supuxo o triunfo final do Parlamento sobre o rei, finiquitando a monarquía absoluta en Inglaterra e a teoría do dereito divino a gobernar. Foi nesta época cando Locke publica osDous tratados sobre o goberno  civil, considerado unha xustificación teórica da Revolución Gloriosa.

            As críticas dos empiristas á relixión deben entenderse a partir destes acontecementos sociais e políticos.


RENÉ DESCARTES

BIOGRAFÍA: René Descartes nace na rexión francesa de Turena (1596) nunha familia da pequena nobreza, polo que tivo unha boa educación e puido vivir con certa comodidade, dedicado ás súas investigacións filosóficas. Cursa dereito na Universidade de Poitiers, pero unha vez licenciado decide dedicarse á carrreira militar, chegando a participar na Guerra dos Trinta Anos. Foi neste periodo donde descubre a xeometría como método universal, trasladándose a París e escribindo a súa primeira obra (Regras para a dirección do espírito). Posteriormente, trasládase a Holanda, donde vivirá máis de vinte anos ensinando en distintas universidades, xa que este país era máis tolerante coas súas opinións contrarias á tradición filosófica. Nesa época foi cando se produce a condena de Galileo por parte do Santo Oficio, polo que Descartes renuncia a publicar un tratado de física que non se axustaba á doutrina da física oficial aceptada pola Igrexa. Tamén terá problemas coa súa obra Meditacións metafísicas, que exponía ideas apartadas da Escolástica, polo que foron consideradas perigosas e conducentes ao ateísmo. Ante esta situación, acepta a invitación da raíña Cristina de Suecia, e trasládase a Estocolmo para lle dar clases de filosofía á monarca, morrendo tan un ano despois. Durante un tempo despois da súa norte, as súas obras formarán parte da lista de libros prohibidos, o Índice.

A súa gran contribución matemática foi a invención da xeometría analítica (as denominadas coordenadas cartesianas), mentres que no ámbito do pensamento, creou unha filosofía ligada á ciencia. 

OBRAS: Aínda que se conservan algúns apuntes da súa mocidade, a súa primeira obra é Regras para a dirección do espírito, obra póstuma (publicada despois da súa morte) escrita en latín na que propón o novo modo de reflexión científica, meditando sobre a verdade. Está estruturada en tres Libros. O Libro I é o máis importante e posúe tres seccións. Unha primeira que comprende as regras I - IV, na que fala da unidade e da certeza da ciencia. Tamén aborda as operacións do entendemento polas que establece o coñecemento certo e na regra IV desenvolve o sentido da principalidade do método na búsqueda da verdade (texto ABAU). A sección segunda comprende as regras V-VII, que tratan da orde como principio do método. E por último a sección terceira, que comprende as regras IX-XI e fala sobre as operacións da intuición e a dedución.

             En 1637 publica o Discurso do método para dirixir ben a razón e achar a verdade nas ciencias, (textos ABAU), obra escrita en francés na que da a coñecer o método para poder chegar ao coñecemento verdadeiro. É unha das súas obras máis importantes. O contido desta obra é extenso e variado e está estruturado en seis partes: na primeria parte senta as bases do método cartesiano e fala dunha nova teoría do coñecemento. Na segunda, que é a máis famosa, expón os pasos do método cartesiano, establecendo as chamadascatro regras do método. Na terceira fala da súa "moral provisional" a cal axudaríalle a non extraviarse na procura da verdade. Na cuarta establece a proposición "Penso, logo existo" como a premisa fundamental do método e fala da dúbida como o primeiro principio da súa filosofía. Tamén pretende demostrar a existencia de Deus como garantía do coñecemento. Na quinta expón as súas teorías sobre a Terra e o Universo, aínda que non declara abertamente que concorda coas teorías de Galileo por temor a ser perseguido pola Igrexa. Na sexta fala da utilidade da ciencia.

          En 1641 publicou as Meditacións metafísicas, nas que demostra a existencia de Deus e a distinción entre mente e corpo. O libro está composto por seis meditacións nas cales Descartes rexeita toda crenza e logo intenta establecer o que se pode saber con seguridade. A primeira meditación revela os catro motivos de duda, a segunda contén o argumento sobre a certeza da propia existencia a partir da dúbida absoluta. O resto do libro contén varios argumentos, tales como os argumentos ontolóxicos para a existencia de Deus (terceira meditación) e a suposta proba do dualismo entre a mente e o corpo.

 

O RACIONALISMO: Descartes é considerado o pai do RACIONALISMO, doutrina filosófica que defende que a razón humana (ou o entendemento) posúe en si mesma capacidade para coñecer a totalidade da realidade, sen necesidade de recorrer á axuda de ningunha outra facultade. Descartes considera que só é cuestión de tempo e dun bo método, negando a validez ao coñecemento sensible, á afectividade ou sentimentos. Opón a razón á fe-revelación, aos sentidos, á imaxinación e á paixón, considerados todos eles enganosos. A confianza na capacidade cognoscitiva da razón é tal que se acepta o seu valor sen previa crítica; é, como dirá máis tarde Kant, unha razón dogmática.

O poder da razón radica na capacidade de sacar de si mesma as verdades primeiras e fundamentais -ideas innatas- a partir das cales, e por dedución, é posible obter todas las demais. Defende así o innatismo cognoscitivo, pois a razón partindo de si mesma, dos seus propios principios e sen recibir contido algún de fóra, posúe capacidade para levar a cabo os seus coñecementos. Non se trata dun innatismo actual como o de Platón, que defendeu que na nosa alma xa están as Ideas, aínda que non nos deamos conta delas, de tal xeito que coñecer consiste en lembralas. Para os racionalistas, a nosa mente non posúe os contidos concretos, senón a capacidade de obtelos por si mesma, sen recurso a nada externo. Non se trata de ideas que xa están presentes na mente ao nacer, senón de ideas que están potencialmente na mente e xorden a partir de determinadas experiencias. Aquí, como nalgúns outros aspectos, Descartes parece inspirarse en San Agustín.

Os racionalistas rexeitarán as experiencias históricas e culturais, por considerar que están sometidas a continua variedade e cambio. Descartes estuda nun dos mellores colexios de Europa, pero como el mesmo di, ao terminar os seus estudos atópase cheo de dúbidas e erros, xa que na historia do pensamento reina a disputa e a dúbida. Descartes afirma que é necesario partir de cero e usar a razón universal, para así lograr unha filosofía única e verdadeira. Cre que ata de agora non se logrou por unha falta de método adecuado. 

O PROBLEMA DO MÉTODO E A EVIDENCIA DO CÓGITO: Descartes, gran matemático, afirma que de todos os que levaron a cabo investigacións científicas, únicamente os matemáticos presentaron razóns evidentes e indubidables para mostrar as súas verdades. O método matemático consiste na intuición (procura de verdades evidentes, de axiomas indemostrables) e na dedución (razoamento que parte dun principio xeral coñecido con certeza e avanza lóxicamente ata alcanzar unha conclusión descoñecida). O matemático procede por pasos, sendo cada un deles evidente, de tal forma que no seu razoamento, as conclusións son tamén evidentes. É por iso que Descartes intenta aplicar a todo o saber este método matemático, racional e universal.

Con isto, oponse radicalmente á filosofía aristotélica, que consideraba que os métodos aritméticos non podían valer en xeometría e que as matemáticas non podían empregarse para interpretar a realidade. Descartes, pola contra, desenvolve todas as posibilidades da xeometría analítica e, seguindo a Kepler e Galileo, un método de carácter matemático para interpretar a realidade. Tamén rexeita o método siloxístico da filosofía tradicional, dicindo que o siloxismo non serve para adquirir coñecementos novos.

Descartes entende por MÉTODO un conxunto de "regras certas e fáciles cuxa observancia permite que ninguén tome nunca como verdadeiro nada falso e que sen gastar inutilmente ningún esforzo de intelixencia, chegue, mediante un acrecentamento gradual e continuo de ciencia, ao verdadeiro coñecemento de todo o que sexa capaz de coñecer." (Regras para a dirección do espírito, regra IV). Non é un método artificial construido para guiar a actividade científica, senón un método natural que brota da propia razón e que consiste na marcha natural e espontánea desta.           

O método cartesiano comeza pola DÚBIDA, xa que Descartes é consciente de que ao longo da súa vida, admitiu como verdadeiras moitas opinións falsas, polo que decide rexeitar como falso todo aquilo no que poida imaxinar a máis mínima dúbida. É unha dúbida metódica e constructiva (constitúe un medio para alcanzar a verdade indubidable), e non unha dúbida escéptica, xa que mentres que os escépticos permanecen nas súas dúbidas e incertezas, Descartes utiliza a dúbida como un paso temporal que se coa esperanza de atopar o auténtico coñecemento. Trátase tamén dunha dúbida esaxerada ou hiperbólica e non dunha dúbida natural, xa que como é imposible examinar unha por unha todas as cousas existentes e dubidosas, Descartes emprega CATRO MOTIVOS DE DÚBIDA: 1) os sentidos, pois engánannos con frecuencia, polo que non podemos fiarnos da realidade material que nos mostran; 2) o mal uso da razón, xa que é un feito que os homes cometemos erros de razoamento, polo que hai que rexeitar todas as razóns que cremos rigorosas e verdadeiras poden ser erróneas e falsas; 3) a non distinción do soño da vixilia, xa que mentres soñamos, as cousas en que soñamos nos parecen reais e ao espertar descubrimos que eran falsas, polo que existe a posibilidade de que todos os pensamentos do estado de vixilia sexan en realidade soños que non recoñecemos como tales; 4) a hipótese do xenio maligno moi poderoso que constantemente nos engana e que non nos permite distinguir ningún coñecemento certo. Con este catro motivos Descartes consigue acadar unha dúbida universal e absoluta, de modo que non poidamos admitir como verdadeiro absolutamente nada.

Desta dúbida absoluta, Descartes extrae A PRIMEIRA VERDADE INDUBIDABLE: eu que dubido, que me equivoco, que son enganado polo xenio maligno, é necesario que exista, en consecuencia, SE PENSO, LOGO EXISTO (cogito, ergo sum). Esta verdade é indubidable porque do propio feito de pensar xorde a evidencia da miña existencia. É unha intuición mental e unha experiencia directa: intúo a imposibilidade do meu pensamento sen o meu existir e ao mesmo tempo que penso, doume conta de que existo (como suxeito racional ou pensante, diferenciado do corpo). Tal e como di nas Meditacións metafísicas: "Eu non son ... senón unha cousa que pensa, é dicir, un espírito, un entendemento ou unha razón".

Examinando dita verdade atopará Descartes: o criterio de toda outra verdade, é dicir, o criterio que lle permitirá distinguir o verdadeiro do falso; as regras do método científico que conducen á verdade (aplicando o criterio); e as ideas en que se manifesta dita verdade.

O CRITERIO DE VERDADE: Descartes analiza as razóns da evidencia da primeira verdade, para así utilizalas como criterio para descubrir todas as restantes verdades. Devandita verdade resulta evidente porque a concibimos clara e distintamente. É unha idea clara e distinta, xa que se me impón con evidencia inmediata, sen ningún raciocinio. Polo tanto, o criterio que nos permite distinguir o verdadeiro do falso é a claridade e a distinción: todo aquilo que se nos mostre de forma clara e distinta será verdadeiro.

 AS REGRAS DO MÉTODO:   O método parte da conciencia de si do propio suxeito humano como ser pensante e consiste nun exame do funcionamento natural da propia razón. Nela atópase o método científico, que servirá para vixiar que a razón funcione correctamente. Descartes conclúe que a razón funciona de xeito correcto cando cumpre as catro regras seguintes: 

-          Regra da evidencia (intuición): consiste en "non admitir cousa algunha como verdadeira como non soubese con evidencia que o é; é dicir, evitar cuidadosamente a precipitación e os prexuízos e non comprender nos meus xuízos máis nada que o que se presentase tan clara e distintamente ao meu espírito, que non houbese ningunha ocasión de poñelo en dúbida" (Discurso do método). Evidente é o que se presenta de xeito directo, inmediato e sen intermediarios á mente, dun modo claro e distinto, é dicir, intuitivo. Só se perciben deste modo as realidades simples. Descartes di que hai que evitar a precipitación e os prexuízos, procurando non realizar xuízos senón únicamente sobre aquelas realidades contempladas de modo claro e directo.

-          Regra da análise (división): consiste en "dividir cada unha das distintas dificultades que examinara en cantas partes fose posible" (Discurso do método). Posto que a realidade se nos presenta de forma complexa e é posible a intuición ou captación directa das percepcións ou obxectos simples, será necesario reducir ou dividir as ideas compostas en ideas simples; é o único xeito de evitar o erro.

-          Regra da síntese: consiste en "conducir ordenadamente os pensamentos, comezando polos obxectos máis simples e máis fáciles de coñecer, para ir ascendendo paulatinamente, gradualmente, ata o coñecemento dos máis complexos" (Discurso do método). É a recomposición ou suma de intuicións parciais, de modo que a unión tamén será intuitiva e evidente. Trátase de empregar a intuición para captar as verdades simples e a dedución para chegar ás complexas. Estes son os dous camiños que conducen á ciencia do xeito seguro, segundo Descartes. Acadarase a certeza e evitarase o erro baseándose en razoamentos intuitivos e concretos e evitando os razoamentos longos.

-          Regra da enumeración: consiste en "facer en todos os casos uns recontos tan integrais e unhas revisións tan xerais, que chegase a estar seguro de non omitir nada" (Discurso do método). É unha revisión ou comprobación de todo o proceso, co fin de extremar as precaucións e evitar así os xuízos precipitados e o erro. Os recontos comproban a análise e as revisións a síntese.

Finalmente, Descartes atopará na razón tamén IDEAS, que son actos mentais, “certas afeccións ou acontecementos que teñen lugar na nosa mente ou espírito”. Segundo o seu contido obxectivo, é dicir, en canto á realidade nelas representada, podemos distinguir tres clases de ideas: adventicias, facticias e innatas. As ideas adventicias son aquelas que cremos que "proceden de fóra", da nosa experiencia externa, percepción do mundo ou do ensino, e refírense, polo xeral, ás cousas naturais que parecen chegarnos por medio dos sentidos. Son exemplos a idea de árbore, pedra, etc. Este tipo de ideas non proporcionan coñecementos certos, pois ao depender dos nosos sentidos, sempre poden ser postas en dúbida. É un feito demostrado que moitas veces temos ideas distintas sobre un mesmo obxecto externo. As ideas facticias son aquelas "feitas ou inventadas por un mesmo" que proveñen da nosa imaxinación e vontade, da propia construción mental. Son exemplos deste tipo de ideas a de centauro ou a de sirena. Son ideas que tampouco serven para demostrar que existe unha realidade externa á nosa mente, xa que son fabricadas e manexadas arbitrariamente pola imaxinación e o libre albedrío. As ideas innatas son aquelas "nacidas comigo", as que posúe a nosa mente por natureza. Son ideas claras e distintas, como a idea de pensamento, de existencia, de substancia, de perfección ou de Deus, de causa e de número. Son ideas que se impoñen por se mesmas de modo evidente, é dicir, que nelas mesmas móstrase a súa verdade.

Para Descartes, o auténtico coñecemento ten lugar por medio das ideas innatas, polo que o contido obxectivo que nelas se nos presenta de modo claro e distinto coincide coa realidade. Deste modo, os racionalistas postulan a CORRESPONDENCIA ENTRE A ORDE DA RAZÓN E A DA REALIDADE, defendendo que cando razoamos correctamente, as ideas que xorden na nosa mente se corresponden perfectamente coa realidade extramental, coas cousas tal e como son en si. Reaparece así o postulado de Parménides: son o mesmo o pensar e o ser. O problema é que isto se pon en dúbida coa hipótese do xenio maligno, polo que Descartes intenta botala por terra demostrando a existencia de Deus: como Sumo Ben e creador tanto dos obxectos extramentais como da propia razón, non pode permitir que cando razoemos correctamente, é dicir, de acordo coas facultades e os principios que el nos outorgou, nos equivoquemos. Deste xeito, DEUS convértese na garantía da correspondencia entre pensamento e realidade, é dicir, en GARANTÍA DO NOSO COÑECEMENTO.

Descartes incorpora o antigo argumento ontolóxico de San Anselmo de Canterbury (s. XI), e afirma a existencia de Deus (e das demais substancias) a partir da idea: demostración: Encontro na miña mente a idea de Deus (perfección e infinitude). Agora ben, esta idea non pode xurdir das cousas que me rodean e tampouco de min mesmo, xa que tanto eu como devanditas cousas somos finitos e imperfectos, en cambio a idea de Deus posúe un contido infinito e perfecto non pode haber máis realidade no efecto que na causa; xa que logo dita idea pode ser posta na miña mente por Deus; demostración: Teño na miña mente a idea de Deus, logo é evidente que non me dei a existencia a min mesmo, pois nese caso daríame todas as perfeccións contidas en devandita idea; tampouco pode deberse a miña existencia aos meus pais ou a outras causas imperfectas, porque nese caso ¿de onde xurdiu a idea de perfección contida na miña mente? Logo eu tiven que ser causado por Deus. Por conseguinte, Deus existe; demostración: todo aquilo que concibo clara e distintamente existe; agora ben, cando examinamos que é Deus, vemos clara e distintamente que á súa esencia corresponde necesariamente a existencia; logo Deus ten que existir. Esta demostración cae nun circulo vicioso (falacia), pois o criterio de verdade é garantizado por Deus e agora, recurre ao criterio para demostrar a Deus.

Deste xeito, a idea innata de Deus permite ir máis aló da propia subxectividade, afirmando clara e distintamente, que fóra de min mesmo, da miña mente, existe unha realidade extramental. Deus garánteme que a miña tendencia natural a crer na existencia das cousas extensas non é un engano.

É curioso que o racionalismo, que pretende descubrir un método científico e confía nas capacidades cognoscitivas dos seres humanos, acabe fundamentando todo en Deus, realidade que non pode ser considerada como un dato primario do noso coñecemento.

Deste mundo exterior percibo polo entendemento certas calidades de modo claro e distinto. Estas calidades son as chamadas calidades primarias, propiedades reais e obxectivas das cousas que se atopan nos obxectos, como son por exemplo a extensión, o movemento ou o espazo. Este tipo de calidades oponse ás chamadas calidades secundarias, que son aquelas propiedades que máis que existir nas cousas consisten en afeccións ou impresións que as cousas producen no suxeito que as percibe. Segundo Descartes, serían afeccións deste tipo a cor, o cheiro, o sabor, etc.


ONTOLOXÍA: Descartes modifica a definición aristotélica de substancia e a define como aquilo que existe de tal modo que non necesita de ningunha outra cousa para existir. Pero desta definición seguiríase que Deus é substancia, posto que as criaturas necesitan de Deus para existir, polo que Descartes dirá que o concepto de "substancia" non se refire do mesmo xeito a Deus e ás criaturas e que hai dúas clases de substancias: a substancia infinita (Deus), a quen convén absolutamente esta definición; e as substancias finitas (almas e corpos), que non necesitan de nada máis para existir, salvo de Deus. Xa que logo, unha substancia finita non necesita de ningunha outra substancia finita para existir: a alma, por exemplo, non necesita do corpo para existir. De séguese o dualismo cartesiano.

          Descartes di que a cada substancia lle corresponde un atributo e uns “modos”. O atributo constitúe a súa esencia: a alma é pensamento e os corpos son extensión.  Os modos son as diferentes formas nas que se pode presentar a substancia: a alma é pensamento, pero os modos do pensamento son múltiples: xulgar, razoar, querer, imaxinar, sentir... Todos eles son actos conscientes, xa que non hai lugar no cartesianismo para o inconsciente, (a psicoloxía occidental ignorarao prácticamente ata Freud). Descartes conclúe que a nosa esencia é pensar, pois podemos finxir mentalmente que non temos corpo e que non dependemos do espazo, pero non podemos finxir que non pensamos. En canto aos corpos, que son extensión, posúen dous modos: a figura e o movemento (e repouso), aceptando a subxectividade das "calidades secundarias" (cor, son, sabor, etc.).
          Así, Descartes acaba estruturando a realidade en tres tipos de substancias ou cousas (res): 1) Deus ou a substancia infinita, ser creador de todas as cousas e garantía última da nosa capacidade cognoscitiva; 2) o Eu ou a substancia pensante, esencia do ser humano que constitúe o suxeito de toda actividade intelectual e que está composto de dúas facultades, entendemento e vontade; 3) os corpos ou substancias extensas. A cada substancia correspóndelle un atributo que a define como tal. Así, o atributo da sustancia divina é a infinitude, o atributo da substancia pensante é o pensamento, e o atributo dos corpos é a extensión. Cada atributo exprésase en diferentes modos: o atributo da infinitude exprésase nas perfeccións; o atributo do pensamento exprésase ao xulgar, razoar, imaxinar, sentir, etc; e o atributo da extensión exprésase na figura, o movemento, o peso, a medida, etc.

          Descartes opuxo a substancia pensante á substancia extensa como dúas realidades profundamente distintas e separadas. As mentes son activas, posúen un principio intrínseco de acción e de actividade e actúan propoñéndose fins: os corpos (sustancias extensas), ao contrario, son pasivos, carecen de toda capacidade de acción e se moven se os move unha causa eficiente. Esta visión correspóndese coa concepción científica do momento, a explicación mecanicista dos organismos, aos cales concibe como máquinas moi complexas que só se moven por movementos mecánicos. Inspírase no descubrimento da circulación sanguínea de Harvey, pero considerando que o que move o sangue non é o bombeo do corazón, senón a calor vital que reside nel. Deste xeito, Descartes rexeita a necesidade dun alma vexetativa ou sensitiva para explicar a vida: os animais son máquinas. Deste xeito, o ser humano, que é basicamente alma, queda separado do mundo animal.

 ANTROPOLOXÍA: A antropoloxía cartesiana é dualista, xa que segue a tradición cristiá e di que o ser humano é corpo e alma, dúas substancias que poden existir a unha sen a outra, pero que se achan unidas (o mesmo eu que pensa é o que sofre, crece, etc). Propiamente a miña esencia é a alma: son algo que pensa, algo que existe de tal xeito que non necesita doutra cousa finita para existir, de modo que o meu pensar non necesita do corpo para existir. Hai que dicir que aínda que en principio o home non é senón a alma, nalgúns momentos Descartes fala da estreita unión entre alma e corpo empregando expresións da escolástica e dando lugar a ambigüidades.

Descartes afirma que o corpo humano atópase sometido á acción das leis naturais e mecánicas, mentres que a alma é autónoma, independente da materia e con capacidade de iniciativa propia e espontaneidade. Ao afirmar isto, Descartes está tratando de salvar a liberdade do home da concepción mecanicista do mundo.

O mecanicismo que se desprende do dualismo antropolóxico tivo implicacións tanto positivas como negativas. Por unha banda, estimulou a procura biolóxica, fisiolóxica e médica. As máquinas poden ser desmontadas, e se o corpo é simplemente unha máquina, podo levar a cabo todo tipo de diseccións en corpos humanos; esta idea favoreceu o avance da investigación científica e o interese pola anatomía, tanto a humana como a animal. Doutra banda, esta teoría cartesiana impulsou unha actitude pouco respetuosa coa natureza, moi distante do ecoloxismo actual. Se toda a materia e toda a Natureza son consideradas unha máquina, unha realidade de orde inferior ao pensamento, entón a Natureza queda a disposición e ao servizo do home.
             Por outro lado, esta concepción cartesiana do ser humano reactiva o dualismo antropolóxico de Platón e lugar ao problema da relación entre as dúas substancias. Descartes dirá que a alma, situada no cerebro, controla os "humores" ou "calores" do sangue e mediante a glándula pineal, que se atopa no medio do cerebro, a alma coordina os movementos do corpo. Este problema da comunicación entre o corpo e a alma será transmitido aos seus seguidores. Neste sentido, Malebranche (s.XVII) defenderá a teoría do ocasionalismo, segundo a cal a relación entre o corpo e a alma ten lugar mediante a intervención divina; é Deus quen con ocasión dunha afección do corpo establece o correspondente rexistro na alma, ou con ocasión dun desexo da alma establece o correspondente movemento no corpo. B. Spinoza (s.XVII) defenderá unha teoría panteísta ao afirmar que todo é Deus e, que o corpo e a alma son meros atributos da única substancia, a realidade divina. La Mettrie (s. XVIII) publicará O home máquina, onde afirmará que o ser humano non é máis que un complexo organismo formado por músculos, nervios e ósos, aplicando ao espírito humano o mecanicismo que opera no corpo. Só somos un corpo e, neste corpo, é o cerebro o que pensa, sente e percibe. Para saber da alma hai que investigar o cerebro (monismo materialista). William James (s.XIX-XX) formulará a significativa pregunta que demostra a vixencia do problema cartesiano: ¿Choramos porque estamos tristes, ou estamos tristes porque choramos? O primeiro significa que a causa do meu choro (un acto físico) é a tristeza (un acto psíquico), e o segundo significa que a nosa tristeza, un acto psíquico, ten como causa o feito de chorar, un acto de orde física.

          Esta cuestión cartesiana da relación entre corpo e alma recupera o problema platónico da relación entre os apetitos ou paixóns e a razón e a vontade. Segundo Descartes, as paixóns son percepcións ou sentimentos que hai en nós e que afectan á alma sen ter a súa orixe nela. Devanditas paixóns son involuntarias, é dicir, a súa aparición escapa ao control da alma racional; son inmediatas, xa que non deixan lugar para a reflexión; e non sempre son acordes coa razón, sendo ás veces irracionais. Estas paixóns esclavizan á alma, facéndoa infeliz, polo que a tarefa da alma en relación coas paixóns consiste en sometelas e ordenalas conforme ao dictame da razón. A razón descobre e mostra o ben que como tal, pode ser querido pola vontade. Así, a razón proporciona o criterio e a forza necesaria para opoñerse ás paixóns. A vontade caracterízase por ser libre. A liberdade é algo que existe de modo indubidable e evidente (idea innata), e que permite ao home ser dono da Natureza e das súas propias accións. A liberdade consiste en elixir o proposto pola razón como bo e verdadeiro, no sometemento positivo da vontade ao entendemento.

Descartes propón unha moral reformada ou provisional que regulará os actos voluntarios e dominará as paixóns. Éprovisionalporque se ben as catro regras do método lle permiten cuestionarse todos os coñecementos recibidos, mentres os cuestiona, debe seguir vivindo, e polo tanto non pode permanecer indeciso nas súas accións. É por iso polo que propón esta moral que lle permitan vivir felizmente: “(…) obedecer as leis e os costumes do meu país, mantendo constantemente a relixión en que Deus me fixo a gracia de ser educado desde a infancia e guiándome en toda outra cousa polas opinións máis moderadas e máis separadas do exceso (...) ser tan firme e decidido como puidese nas miñas accións, e seguir ata as opinións máis dubidosas, unha vez que me determinase por elas (...) procurar sempre vencerme a min mesmo e cambiar os meus desexos (...). revisar todas as diversas ocupacións que teñen os homes nesta vida para procurar elixir a mellor; (...) dedicar toda a miña vida a cultivar a razón e avanzar tanto como puidese no coñecemento da verdade.(Discurso do método).

           O proxecto cartesiano pretende unificar todas as ciencias nunha soa, pois considera que o saber é só un. Di "toda a filosofía é como unha árbore, cuxas raíces son a metafísica, o tronco é a física, e as ramas que saen dese tronco son todas las demais ciencias". Que inclúa a metafísica entre as ciencias (cousa que negarán os empiristas e Kant), e que sexa a súa "raíz", fará que a física cartesiana non sexa científica, o que constituirá a súa gran debilidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario