COMPARACIÓNS XERAIS E/OU INFLUENCIA POSTERIOR
Nun comentario de texto completo espérase que ademais de contextualizar
o texto e o autor do mesmo e analizar o seu contido e teoría, comparémolo con
outros autores e/ou movementos filosóficos.
Aínda que as comparacións máis concretas e precisas deben
intercalarse durante o comentario, segundo sexa pertinente, podemos
preparar certas COMPARACIÓNS MÁIS XERAIS que nos sirvan para completar o
comentario de texto e mesmo pechalo.
EXEMPLOS:
1)
Posto que o pensamento
dos dous grandes clásicos (PLATÓN e ARISTÓTELES) será recollido polos medievais,
poderiamos explicar o seguinte:
A filosofía clásica perdura durante séculos e
constitúe a base da cultura occidental, entre outras cousas pola interpretación
cristiá da filosofía grega que ten lugar na época Medieval da man de pensadores
como San Agustín e Santo Tomás.
Principalmente, a filosofía grega
que se reinterpreta baixo un prisma cristiá é a platónica, por ser a corrente
de pensamento que mellor encaixaba co pensamento cristián. Isto é o que
fai SAN AGUSTÍN DE HIPONA (s.V), un dos principais Pais latinos da
Igrexa Católica, abríndose con el toda unha corrente platónico-agustiniana
con filósofos como SAN ANSELMO (s.XI) e BUENAVENTURA (s.XIII). Nas teses de San
Agustín, tanto nas ontolóxicas (primacía do mundo celestial sobre o terreal),
como nas epistemolóxicas (primacía do coñecemento racional e da contemplación
das Verdades Absolutas sobre o coñecemento sensorial) e nas antropolóxicas
(visión do home como "un alma racional que se serve dun corpo mortal e
terreo"), queda patente a influencia de Platón.
Pero no s.XIII (Baixa Idade Media) trúncase esta corrente e prodúcese unha transformación do pensamento cristián debido en gran parte á irrupción en Occidente da filosofía aristotélica a través de pensadores árabes e á síntese entre cristianismo e aristotelismo feita por SANTO TOMÁS DE AQUINO. Nas teses deste filósofo e teólogo dominico amósase a enorme influencia de Aristóteles. Así, por exemplo, seguindo a concepción aristotélica do coñecemento, parte das realidades sensibles (as criaturas, consideradas efectos) para intentar demostrar a existencia de Deus como a súa causa. Na primeira das vías, a máis xenuinamente aristotélica, parte do feito do movemento para alcanzar a existencia de Deus como motor inmóbil. Na súa antropoloxía, afirma que no ser humano dáse unha unión substancial: cada individuo humano é unha sustancia única composta por alma e corpo, sendo á súa vez a alma principio de vida, forma e acto do corpo. Por outro lado, a súa ética caracterízase por ser eudemonista (felicidade como fin último do home), teleolóxica (o ser humano, como ser racional, tende a buscar a Verdade e a convivir en sociedade) e intelectualista (a felicidade humana reside na contemplación da Verdade, que neste caso é Deus, e acádase mediante a Virtude, conduta adquirida ou hábito de natureza boa).
2) Outro exemplo sería comentar como tanto a teoría dos clásicos (PLATÓN e ARISTÓTELES) como a de pensadores modernos como DESCARTES e KANT, será cuestionada por NIETZSCHE no século XIX. Para iso, poderiamos explicar o seguinte:
Esta teoría será criticada moi duramente na época
contemporánea por NIETZSCHE, filósofo vitalista alemán do s. XIX
que fai unha crítica total da cultura europea. Sostén que o principal
erro da metafísica e da moral tradicionais é que son “antinaturais”, é dicir,
se opoñen á vida. Esta
“antinaturalidade” débese ao medo e resentimento do home ante a realidade da
vida e comeza especialmente co Platonismo. Sócrates fixo triunfar a
razón contra a vida, pero foi Platón quen creou outro mundo fictício,
desvalorizando o mundo real. Isto foi asumido polo Cristianismo, que
invéntase un mundo celestial e fomenta valores mezquinos como a obediencia e o
sacrificio. A idea dun “máis aló” e de Deus constitúen un obstáculo contra a
vida e por iso hai que acabar con eles, liberando así ao ser humano dun gran
peso que lle impide superarse e transformarse en “Superhome”. Para
Nietzsche, a vida ten valor por si mesma, e non hai que buscarlle outra
explicación nin impoñerlle ningunha norma nin imperativo, senón só gozar dela.
Iso é o que fai o “Superhome”, que caracterízase entre outras cousas polas
ánsias de vivir a vida tal e como é e por estar libre de todo prexuízo moral.
Por outro lado, Nietzsche ataca a “vontade de
verdade” que impera na tradición e que procede de desestimar os sentidos e sobreestimar
a razón. Afirma que os principais conceptos metafísicos son só ficcións
que designan e etiquetan, pero non captan a realidade. Contra o dogmatismo
metafísico clásico e moderno, Nietzsche afirma que a realidade é
dinámica e cambiante, e ademais, as formas de comprensión humanas tamén
están suxeitas ao devir a á diversidade de perspectivas, polo que é
imposible realizar unha comprensión fixa e definitiva da realidade. É por
isto polo que Nietzsche exalta o poder da imaxinación metafórica e creativa
do ser humano para intentar explicar
a realidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario