lunes, 18 de abril de 2022

FRIEDRICH WILHEIM NIETZSCHE

INTRODUCIÓN XERAL: A TRANSICIÓN AO S. XX. A REACCIÓN CONTRA O POSITIVISMO

           O positivismo -científico e filosófico- dominou en Europa na segunda metade do século XIX, pero ao final deste século, diversas correntes de pensamento reaccionan contra os excesos positivistas, marcando a transición ao século XX.

          A reacción comeza na propia ciencia, pois a Física, que considerabase o saber absoluto sobre toda a Natureza e aspiraba a ser unha Filosofía, explicando os misterios do ser humano, comeza a recoñecer os seus propios límites e xa non se presenta como único modelo de coñecemento. Dous eminentes físicos (Mach e Hertz), defenden que os conceptos científicos son “signos” (e non “copias”) da realidade, e as leis científicas, “instrumentos” de previsión dos fenómenos. Esta nova concepción crítica e antipositivista da ciencia é apoiada por Einstein coa teoría da relatividade: non hai sistemas de referencia absolutos, conceptos como volume, masa, aceleración... teñen só un carácter relativo. Outros científicos atacan o determinismo, dicindo que as leis físicas non son máis que leis “probables” e que a explicación científica ten carácter de “explicación condicional”.

          Ademais, no campo da Bioloxía xorde o vitalismo, unha explicación non mecanicista dos procesos vitais que inflúe moito na filosofía da época. Sostén que a vida non se explica só con procesos físico-químicos ou mecánicos, senón a partir de “forzas dominantes”. 

Este vitalismo, no campo da Filosofía, consiste na exaltación do vital e do afectivo, fronte  ao excesivo racionalismo propio do idealismo de Hegel, o positivismo científico de Comte ou o mecanicismo. É unha tendencia común á maioría dos autores desta época: Nietzsche, Schopenhauer, Bergson... e, no plano do historicismo ou raciovitalismo, Ortega e Gasset e Dilthey.  Todos eles destacan aspectos que foron desvalorizados polo positivismo: a vida, o espírito, a liberdade, os valores… considerando a vida a realidade radical. Trátase das “Filosofías da Vida”, que defenden o irracionalismo, pois consideran que a razón non é a única facultade humana para ver a realidade, tamén están a inspiración poética, a intuición, o instinto, a visión profética, o inconsciente             

Concretamente, Nietzsche representa o enfoque máis radical contra o racionalismo anterior e contra a ciencia mecanicista e positivista. Afirma que o Universo non está sometido a leis deterministas e tampouco redúcese a materia e movemento mecánico, senón que é un caos de forzas. Critica a ciencia positiva por ser unha matematización da realidade que non axuda a coñecer as cousas, senón só a establecer unha relación cuantitativa entre elas. A ciencia só coñece cantidade e número: nada sabe da paixón, da forza, do amor, do pracer, etc.


MARCO HISTÓRICO, SOCIOCULTURAL E FILOSÓFICO: A vida de Nietzsche abarca a segunda metade do século XIX, un período convulso no que culminan grandes procesos de transformación político-social, como o proceso de industrialización (1ª e 2ª revolución industrial), os conflitos sociais entre burguesía e proletariado, e o auxe dos nacionalismos. Enfróntanse tendencias contrapostas como o liberalismo, o tradicionalismo, o socialismo, o anarquismo… Trátase, en definitiva, dunha época na que comezan a derrubarse os ideais da Ilustración (racionalidade, fraternidade, progreso, igualdade, liberdade), e Nietzsche será un dos seus maiores críticos.           

Alemania vive un proceso que vai desde a súa unificación ata a conversión do país nun imperio de tendencias expansionistas, no que se enxalza o espírito alemán, co que Nietzsche maniféstase crítico (a súa defensa da individualidade creativa é incompatible con conceptos globalizantes como o de raza ou Reich). Paralelamente, introdúcese en Alemania a democracia, sistema que Nietzsche considera decadente porque permite decidir aos ignorantes, favorece o ascenso dos mediocres e impide o desenvolvemento de espíritus fortes e libres. De feito, Nietzsche critica ata o Estado, que é creado polos débiles para protexerse e vingarse dos fortes. En definitiva, o pensamento nietzscheano enmárcase no contexto dunha sociedade que o autor considera decadente.          

Culturalmente, o século XIX destaca polas súas innovacións en todos os ámbitos. A ciencia aporta descubrimentos fundamentais, como a teoría da evolución de Darwin, as leis da xenética de Mendel, o nacemento da Psicoloxía como ciencia (Wundt), a vacuna de Pasteur, etc. Tamén a técnica alcanza grandes fitos con inventos como o telégrafo, o automóbil ou a lámpada eléctrica (Edison). A este respecto, Nietzsche tamén dedicará parte da súa crítica aos científicos, aos que considera servos do poder.          

Por outra banda, en música destacan grandes figuras como Verdi ou Wagner, sendo este último compositor un referente para Nietzsche.

Filosóficamente, a segunda parte do século XIX está marcada pola aparición de múltiples correntes de pensamento opostas entre si. Destacan formulacións cientificistas como o positivismo de Comte e as correntes materialistas, que consideran á ciencia capaz de explicalo todo. Á vez, resurxen enfoques máis idealistas ou espirituais como, por exemplo, o neokantismo ou a neoescolástica. Pero os pensadores que derribarán os cimentos do pensamento occidental serán Nietzsche (coa súa crítica radical á cultura de Occidente), Freud (coa psicoanálise que cuestiona o concepto de suxeito), Marx (coa súa crítica á estrutura socioeconómica capitalista) e Darwin (coa  teoría evolucionista que cuestiona o esencialismo clásico e serve de base ao vitalismo bioloxicista).

 

INFLUENCIAS RECIBIDAS: No seu primeiro período, a chamada “filosofía da noite”, Nietzsche está fortemente influído pola filosofía presocrática, especialmente polo concepto de devir de Heráclito, a doutrina do eterno retorno de Anaximandro, o atomismo de Demócrito e polos grandes autores tráxicos (Eurípides, Sófocles e Esquilo).

Pero as dúas figuras que marcan profundamente o seu pensamento son Wagner, cuxa música e personalidade forte e libre encarnan os valores de Dionisio e a traxedia grega, e Schopenhauer, quen centra a súa filosofía no concepto de “vontade” e non no pensamento nin na verdade, como a maioría dos autores. Ademais, defende a relevancia dos instintos fronte á racionalidade, xa que a intelixencia é unha ferramenta manexada polos instintos, e o poder da arte, da música, para apaciguar a vontade. A súa vez, desconfia da Historia e da visión ilustrada de progreso.

Posteriormente, na “filosofía da mañá”, inspírase tamén en autores ilustrados como Montaigne ou Voltaire para criticar a metafísica, a relixión ou a arte.

Finalmente, aínda que claramente oposto ao idealismo, convén con Hegel en que toda a realidade está en devir dialéctico.     

 

REPERCUSIÓN POSTERIOR: O pensamento de Nietzsche inflúe notablemente en todos os ámbitos culturais. O nihilismo é clave no existencialismo de Heidegger e Sartre. A vida como punto de partida resulta esencial no historicismo de Dilthey, en vitalistas como Bergson e Ortega, no método fenomenolóxico en xeral, e na fenomenoloxía dos valores de Scheler, en particular. A súa crítica é considerada fundamental por outros grandes pensadores críticos do s. XX, como son os da Escola de Francfort, e o seu método xenealóxico, inflúe no terreo da filosofía da linguaxe.

 

VIDA E OBRA: Nietzsche nace en Rókken, cidade alemá, en 1844. O seu pai e os seus dous avós eran pastores protestantes. Trala morte do seu pai cando Nietzsche ten tan só cinco anos, a súa familia (nai, irmá, avóa e dúas tías) trasládase a Naumburgo. Recibe unha sólida formación humanista baseada no estudo dos clásicos e demostra unha gran sensibilidade para a música, chegando a tocar moi ben o piano. Estuda Teoloxía e Filoloxía clásica na Universidade de Bonn, donde le a Schopenhauer, quedando fascinado pola súa filosofía. Coñece a Wagner, ao que admira polo seu espírito libre, e co que mantén unha amizade profunda ata que Wagner escribe a súa ópera Parsifal (por non seguir as pautas nietzscheanas sobre a traxedia grega e os valores dionisíacos).

          É nomeado catedrático de Filoloxía clásica na universidade de Basilea (Suiza), pero nuns anos, abandona o seu cargo por problemas de saúde (fortes dores de cabeza e de ollos). Comeza unha vida errante e solitaria, con escasos recursos (vive da pensión da Universidade), buscando o mellor clima para a súa enfermidade. A muller que máis inflúe na súa vida é a súa irmá (Elisabeth), pero se namora da moza rusa Lou Andreas-Salomé, que rexeita a súa petición de matrimonio, pero que lle inspira un novo desexo de vivir.       

Aínda que a súa primeira obra importante escríbea en 1870: O nacemento da traxedia grega no espítitu da música, é entre 1878-88 cando desenvolve case toda a súa obra.  En 1889 ingresa nunha clínica psiquiátrica de Basilea, na que lle diagnostican reblandecemento cerebral e parálise progresiva. Logo de dez anos de vida prácticamente vexetativa, morre dunha apoplexía en 1900.

As súas obras presentan dificultades de comprensión e interpretación, debido ás expresións innovadoras empregadas e á linguaxe cargada de imaxes, símbolos, metáforas, aforismos, parábolas e máximas. O estilo é narrativo, non discursivo, polo que conta e non explica. Isto ten que ver coa súa filosofía.

 As obras nietzscheanas clasifícanse en tres períodos:

 

1. PERÍODO ROMÁNTICO, influido por Schopenhauer e Wagner:

- O nacemento da traxedia grega no espírito da música: Escrita en honor de Wagner. Realiza un estudo da aparición e evolución da traxedia grega, en cuxas obras armonízanse dúas forzas esenciais: Dionisio e Apolo. Nietzsche exalta a Dioniso (que representa a vontade de vivir, a música e a danza, a noite, os instintos, a irracionalidade) fronte a Apolo (que representa o logos, a palabra-razón, o mundo como representación, as artes plásticas e a luz). Nietzsche di que a traxedia grega pereceu desde o momento en que Eurípides quitou importancia ao coro; con el, desapareceu o elemento dionisíaco e empezou a época das formas. Iso mesmo fixeron Sócrates e Platón, que eliminaron a arte para optar por unha filosofía baseada no coñecemento teórico das causas, impoñendo o optimismo da ciencia, o diálogo platónico e o racional fronte ao tráxico-vital. Nietzsche afirma que grazas á filosofía alemá (Schopenhauer) e a música alemá (Wagner), volve triunfar o tráxico-dionisíaco. Malia o seu afastamento de Shopenhauer e a súa ruptura con Wagner, non abandonará nunca a súa aceptación de Dioniso. Zaratustra non será senón Dioniso transfigurado.   

- Sobre a verdade e mentira en sentido extramoral.

- Consideracións intempestivas

 

2. PERÍODO POSITIVISTA OU ILUSTRADO, no que se aparta das influencias anteriores e ataca á relixión, a metafísica e á arte, demostrando o seu carácter ilusorio (a través do método de «xenealoxías», é dicir, buscando a orixe psicolóxica dos conceptos). Exalta a Ilustración, polo seu interese polo humano, pero rexeita o seu culto ao progreso:

- Humano, demasiado humano.

- Aurora.

- A gaia ciencia (1882): Trata da liberación do home das súas escravitudes, desenmascarando os ideais de santo, artista, sabio, e negando o seu sentido trascendente. Fala por primeira vez do «eterno retorno» e da «morte de Deus».

 

3. PERÍODO CRÍTICO OU DE MADUREZ, período fundamental no que desenvolve as súas ideas máis orixinais («superhome») e a súa crítica máis dura («a filosofía do martillo»); ataca á filosofía e a moral tradicionais, destruíndo ao home tal e como é para que poida vir o superhome, que é o que coñece a morte de Deus, ten a vontade de poder e móvese constantemente no eterno retorno.  Pretende eliminar o dogmatismo dos valores e facer unha radical «transmutación de valores», situando os valores da vida no lugar dos contrarios a ela. Parte da concepción da vida como dor, loita e irracionalidade, que aprendera en Schopenhauer, pero rexeita a resignación:

- Máis aló do ben e do mal, crítica á filosofía, á relixión e á moral.

- A xenealoxía da moral, donde continúa cos temas iniciados en Aurora e realiza unha crítica dos valores tradicionais da moral occidental.

- O crepúsculo dos ídolos/deuses (1888), escrito demoledor no que critica todo o que se chamou «verdade» porque en realidade é un «ídolo» e vaise achegando ao seu final. Emprega a metáfora do “martillo”.

- O Anticristo, un ataque á relixión e, en especial, á moral cristiá.

- Ecce homo, o máis parecido a unha autobiografía.

- Así falou Zaratustra (1883-1885), obra básica, poética e profética, que pretende ser unha nova Biblia. Recorre sobre todo á metáfora e á fábula de ZARATUSTRA (antigo profeta persa que se retira á montaña trala súa primeira revelación relixiosa. Alí vive en compañía dos animais: o águila, que simboliza o orgullo, e a serpe, que simboliza a intelixencia. Alcanza a sabedoría e decide baixar a predicarlla a unha civilización que está no seu ocaso, minada polo nihilismo: fala primeiro do superhome e da morte de Deus; despois da vontade de poder, e finalmente, do eterno retorno. Zaratustra representa o concepto mesmo de Dioniso, pero tamén o superhome, o que supera a moral e vai máis aló do ben (Ormazd) e do mal (Arhimán).

- A vontade de poder (1901), obra póstuma na que aparecen as ideas fundamentais de «Así falou Zaratustra», especialmente a do nihilismo como a situación do noso tempo e o inicio do proceso de autosuperación dos ideais filosóficos, relixiosos e morais tradicionais.

 

CRÍTICA AOS VALORES DA CULTURA EUROPEA: Nietzsche critica a cultura occidental, por impoñer a racionalidade fronte aos instintos e á vida, abarcando todos os aspectos da cultura europea: o mundo racional, o mundo relixioso e o mundo moral, tres mundos inventados polo home occidental e cuxos valores son interpretados por Nietzsche como síntomas da decadencia dunha sociedade cristián-burguesa coa súa moral puritana e convencional. A cultura europea está enferma e esa enfermidade chámase “Nihilismo” e “Decadencia”, e fai ao home europeo cada vez máis manso, máis mediocre, máis “civilizado”.

Na súa crítica á moral, Nietzsche emprega o método xenealóxico, consistente nunha investigación etimolóxica e histórica da evolución dos conceptos morais (Nietzsche era filólogo). Este lévalle a advertir que en todas as linguas “bo” significou primitivamente “o nobre e aristocrático”, contraposto ao “malo” no sentido non moral de “simple, vulgar, plebeio”. Estas dúas denominacións “bo-malo” foron creadas polos nobres e poderosos, na medida en que eran eles os que tiñan o poder de darse e dar nomes. Máis tarde, os considerados “malos” rebélanse, chámanse a si mesmos “bos”, e denominan aos nobres “malvados”. Esta transmutación foi realizada polos xudeus e continuada polos cristiáns, de modo que a moral é resultado da rebelión dos escravos, dunha actitude reactiva, de resentimento.

            Nietzsche sostén que o principal erro da moral tradicional é a súa «antinaturalidade», xa que, en virtude de leis, normas e imperativos, oponse á vida.  A base filosófica desta moral contra-natura é o PLATONISMO: o mundo das ideas serve de «máis aló» relixioso para os cristiáns, de tal xeito que acaba converténdose na metafísica cristiá.

Nietzsche distingue dous tipos de moral: a “moral dos señores”, caballeresca, propia dos espíritos elevados, do superhome, que ama a vida, o poder, a grandeza, o pracer; e a “moral dos escravos”, resultado do investimento dos valores e que defende a dor, a pequeñez, a humildade, a compaixón, a resignación, a paciencia...

          Nietzsche examina a historia da cultura occidental e constata un crecente ascenso dos valores dos débiles fronte aos fortes. Esta moral de escravos culmina nos movementos sociais de liberación que empezan na Revolución Francesa e que se estenden a través do século XIX. Para superar esta decadencia dos valores cristiáns, Occidente vai poñer no seu posto ao Superhome, libre de toda servidume relixiosa, de todo dogmatismo católico.

Nietzsche critica a filosofía e a metafísica tradicionais, por ser dogmáticas. Consideran o ser como algo estático, inmutable e abstracto, desacreditando o mundo que perciben os nosos sentidos, que é o único real. SÓCRATES fixo triunfar a razón contra a vida, o home teórico fronte aos poetas tráxicos; e PLATÓN creou o mundo das Ideas, desvalorizando o mundo real, un gran fraude metafísico, una gran mentira esixida pola razón, que necesitaba algo estable e absoluto, una morada para o home. Para Nietzsche, detrás deste idealismo só se esconde un espírito de decadencia, de resentimento e odio á vida, froito de prexuízos contra certas manifestacións vitais como a morte, a vellez, etc.

        Nietzsche ataca os principais conceptos metafísicos como enganos gramaticais ou da linguaxe. A necesidade de racionalizar o devir é o que nos obriga a inventar ficcións lóxicas e modelos de coñecemento que nos permitan a estabilidade fronte ao carácter caótico do mundo. As categorías ou conceptos cos que comprendemos e interpretamos a realidade son, segundo Nietzsche, ficcións convencionais que designan e etiquetan, pero non aclaran nada. Proceden de desestimar os sentidos e sobreestimar a razón. Pola contra, Nietzsche afirma que temos que aceptar o testemuño dos sentidos: o real é o devir, o fenómeno, a aparencia (FENOMENISMO).

Critica a “vontade de verdade” que impera na historia do pensamento e non admite “verdades en si”, pois entre o mundo do suxeito e o do obxecto non caben correspondencias lóxicas. A razón humana non poderá xamais abarcar nin simplificar o mundo, continuo devir, nas súas categorías ou conceptos. Só é posible un comportamento “estético”, creativo, artístico e efémero. É verdade o que serve ou favorece á vida (PRAGMATISMO).         

Contra o dogmatismo metafísico, Nietzsche defende un PERSPECTIVISMO: non hai feitos, senón interpretacións, non hai cousas en si, senón perspectivas. A pregunta, que é isto?, non é senón a pregunta: que é isto para min? Dado que a realidade é dinámica e cambiante, e ademais, as formas de comprensión e interpretación humanas tamén están suxeitas ao devir a á diversidade de prespectivas, é imposible realizar unha comprensión fixa, esencial e definitiva da realidade. É por isto polo que Nietzsche exalta o poder da imaxinación metafórica e creativa do ser humano para intentar explicar a realidade.

Pero non hai que confundir unha metáfora coa cousa representada, pois esa é a actitude propia do metafísico dogmático, que confunde o concepto co ser; Nietzsche é consciente de que a súa clasificación é arbitraria e podería ser distinta.

Na súa crítica á relixión, Nietzsche afirma que a relixión nace do medo, da angustia e impotencia que sente o home ante a vida, polo que non contén ningunha verdade. Concretamente, o cristianismo investiu os valores das antigas Grecia e Roma, que eran valores de vida, e inventouse un mundo ideal, celestial, que levou consigo unha desvalorización do mundo terreo. Só fomenta valores mezquinos como a obediencia, o sacrificio, a humildade, que son sentimentos propios do rebaño e ademais fala de pecado, que é un concepto que atenta contra a vida.           

Esta crítica ten como precedente a crítica de Feuerbach, filósofo alemán do século XIX que defende un ateísmo antropolóxico, xa que dí que a relixión é unha creación humana.

Nietzsche interpreta o cristianismo como unha «moral vulgar» porque se opón aos valores específicos da verdadeira virtude (a gallardía, a nobreza, o mando). Isto provén da idea de Deus, que abruma ao home coa idea dun máis aló, obstaculizando a vida, e por iso hai que acabar con ela. A morte de Deus significa para Nietzsche a liberación deste gran peso que abruma ao home. Esta idea de Deus comeza a tambalearse na modernidade, co antropocentrismo do Renacemento, a razón como fundamento de todo dos Racionalistas, o poder do pobo (non de Deus) propia da Ilustración, e a ciencia dos positivistas.          

Segundo Nietzsche, a idea de Deus é o que impide ao home ser home, chegar a ser o superhome, polo que para que viva o home ten que morrer Deus, comezando así unha nova historia na que o home se libera de mitoloxías e supersticións e pode crear o seu propio destino. Deus será suplantado polo superhome.


NOVA XERARQUÍA DE VALORES: Para Nietzsche, a cultura europea chegou á súa decadencia, polo que hai que renovala. Esta é a tarefa do filósofo: liberar ao home de todos os valores falsos e decadentes da nosa cultura tradicional, devolvéndolle o dereito á vida.

Segundo Nietzsche, o carácter ilusorio dos valores da cultura occidental fará que se derruben e se acabe chegando ao nihilismo. “Nihilismo” (do latín nihil, nada) significa para Nietzsche a perda de validez dos valores tradicionais, de modo que se perde o sentido da vida, quedando desorientados, sen brúxula. Tal estado non chegou aínda, pero se anuncia no pesimismo, na decadencia e no esgotamento xerais. Tal nihilismo pasivo é a consecuencia da ausencia de valores, de metas, de respostas aos porqués que se responderon desde Deus (que era a base de toda a cultura occidental). Nietzsche propondrá un nihilismo activo que intenta adiantarse ao nihilismo pasivo e crear unha civilización nova antes de que se derrube definitivamente a antiga.


- A nova moral: transvaloración dos valores. A nova moral proposta por Nietzsche está baseada no desexo apaixonado de vivir, na exaltación da vida sen traba algunha. A vida ten valor por si mesma, e non hai que buscarlle outra explicación. É o valor absoluto ao que se subordinan todos os demais. Non hai que impoñer ningunha norma á vida, senón gozar dela.

          A nova moral tradúcese na exaltación das forzas primarias da vida: hai que valorar a moral dos señores fronte á moral dos escravos. Fronte á resignación e á humildade están a forza, o poder, a paixón e o pracer. Pretende recuperar así os instintos vitais do ser humano, transformar ao home que, domesticado polo cristianismo, converteuse en mezquino, mediocre, prudente, servil, dócil, esquecendo a súa verdadeira esencia existencial: a súa vontade de poder.           

            Nietzsche basease en Dioniso, deus grego da vida, do viño, símbolo da alegría desbordante de vivir, da desorde, do caos. O seu culto procedía de Tracia, e estendeuse rápidamente a Grecia. Recibía numerosos nomes: Baco, Zagreo... e pensábase que habitaba no alto das montañas. No seu honor organizábanse na primavera festas do viño, concursos de poesía e representacións teatrais. Este deus opoñíase a Apolo, deus das formas externas, da aparencia chea de beleza. Era un deus do Olimpo, do sol, da luz, e o seu santuario principal atopábase en Delfos. É o símbolo do ordenado, coherente, racional...

    

- A nova visión do home de Nietzsche amosa o padrinazgo de Darwin: as ideas sobre a forza e o poder da vida e a súa evolución, sobre a loita pola existencia na que sobreviven os máis fortes. Para Nietzsche, o home é un ser intermedio entre a besta e o superhome, sendo o único animal que aínda non chegou a consolidarse. Por iso, defende que o home ten que superarse e transformarse no superhome, sendo resultado de tres “transformacións” do espírito:

 

1. Camello: O espírito do home é o dun animal de carga, que obedece ao seu amo sen queixarse, cegamente. Soporta as obrigacións sociais e carga cos valores que se presentan como crenzas.

2. León: É resultado da rebelión do home-camello contra o seu amo, cansado polo peso da carga. É símbolo do nihilista que rexeita os valores tradicionais e impón a súa vontade.

3. Neno: Liberado das cargas e prexuízos, convértese no creador dos seus propios valores, no home-pícaro ou o superhome que anuncia Zaratustra, “o home primeiro”, xa que posúe a inocencia dun neno, xoga coa vida, facendo desta un continuo experimentarse a si mesmo.

 

Nietzsche asocia ao superhome tamén os seguintes conceptos:

 

- A ansia de vivir: O superhome preocúpase, sobre todo, da vida, valorando o corpo, a saúde, o pracer, as paixóns, a violencia, o éxito... As virtudes que ama son a forza física, o poder, a rebeldía do poderoso.

-  A superación da moral tradicional occidental cristiá. O superhome non está sometido a ningún precepto moral, situándose por riba do ben e do mal. A súa conciencia é a conciencia da Natureza: o que favorece á Natureza é bo e o que a prexudica é malo. É fiel ao terrenal, esquecendo as elucubracións espirituais da filosofía e da relixión.

-  A superioridade: O superhome é a máxima posibilidade do ser humano, é un ser superior. Nietzsche cre que a igualdade só leva á moral de rebaño, de escravos.

-  A vontade de poder: Na súa obra Ecce Homo (parecida a unha autobiografía) explica que intentou sanarse a si mesmo e que así “descubrín de novo a vida (...) e convertín a miña vontade de saúde, de vida, na miña filosofía”. O mundo, a vida, o home, son vontade de poder. Aínda que Nietzsche non define claramente en ningún sitio o que é a vontade de poder, queda claro que non é a vontade de obedecer, a “vontade de verdade” do home teórico ou a vontade que busca o pracer e evita a dor, xa que a dor non é negativa, pois actúa como estimulante da vontade. Trátase da vontade de superarse, de vivir máis, de dominar e recrear o mundo e os seus valores.  Significa forza, impulso vital, emoción, paixón...

- O eterno retorno:  É un si á vida que defende permanecer “fieis á terra”, a este mundo, ata o punto de desexar que se repita eternamente. Simboliza, no seu eterno virar, que este mundo é o único, xa que unha historia lineal conduciría cara a “outro” mundo. Con isto, Nietzsche intenta refutar a concepción lineal e teleolóxica do Universo. Interprétase como expresión do desexo de que todo sexa eterno, de que nada sexa distinto, pensamento desesperante para o que non ama a vida. Parece querer transmitir que hai que vivir esta vida infinitas veces con cada dor e cada alegría.

 

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario